5 de feb. de 2025

ECONOMÍA

Presentan conflito colectivo contra a intención de Pescanova de implantar un convenio estatal que elimine os de centro de traballo 

• A CIG, CUT e USO anunciaron que impugnarán tamén a mesa constituída pola empresa de alimentación para afastar a negociación das persoas afectadas 


Responsábeis da CIG, CUT e USO na rolda de prensa celebrada na mañá de hoxe, na cal anunciaron a presentación de conflitos colectivos en cada un dos centros de traballo de Nueva Pescanova en Galiza
Foto: CIG

Infogauda / Vigo 

 Responsábeis da CIG, CUT e USO anunciaron hoxe a presentación de conflitos colectivos en cada un dos centros de traballo de Nueva Pescanova en Galiza (Arteixo, Chapela e O Porriño) contra a intención da empresa de implantar un convenio colectivo de grupo a nivel estatal que elimine os convenios de centro de traballo. As tres centrais impugnarán tamén a mesa constituída pola compañía de alimentación coa que pretende afastar a negociación das persoas afectadas. Este domingo día 9 celebrarán unha asemblea aberta en Redondela para abordar os plans da empresa e decidir as medidas a adoptar na defensa das condicións laborais do persoal galego. 

 A secretaria nacional da FGAMT-CIG, Dores Martínez, denunciou en rolda de prensa que Nueva Pescanova pretende cambiar as unidades de negociación “históricas” dos centros de traballando promovendo un convenio colectivo de grupo a nivel estatal, unha decisión que foi comunicada pola empresa o pasado 27 de decembro. Mentres que a primeira e única xuntanza para abordar esta cuestión celebrouse xusto un mes despois.  

 A responsábel sindical censurou que o proceso inclúe un “compendio de irregularidades”, xa que os centros de traballo galegos afectados pola negociación tiñan os seus convenios propios, cuxa vixencia rematou o 31 de decembro de 2024.  

 No mes de outubro os comités procederon a denunciar os convenios e a promover un novo proceso de negociación. E a empresa o 15 de novembro empraza os comités a adiar a negociación até a segunda semana de xaneiro utilizando como pretexto a maior carga de traballo existente como consecuencia da campaña de Nadal. 

 “É lamentábel que o que nos atopamos logo desta comunicación sexa a intención da empresa de promover un convenio colectivo totalmente diferente, o que supón un claro incumprimento do artigo 89 do Estatuto dos Traballadores/as, que establece que a parte receptora dunha promoción de negociación só poderá negarse a negociar por causa legal ou convencionalmente establecida, algo que non existe neste caso”.  

 Este incumprimento foi precisamente o que levou as tres organizacións sindicais a presentar cadanseu conflito colectivo en cada un dos tres centros de traballo (Arteixo, Chapela e O Porriño). Os actos de conciliación terán lugar o vindeiro día 12 para o centro de Arteixo e o 13 para os de Chapela e O Porriño. 

 Ademais, Martínez adiantou que as centrais impugnarán diante da Audiencia Nacional española a mesa de negociación constituída o pasado 27 de xaneiro en Vigo para promover o convenio de grupo a nivel estatal. “Entendemos que neste aspecto tamén se produciu un claro incumprimento da lexislación porque había unha negociación en marcha, xa que tal e como establece a doutrina do Tribunal Supremo o proceso comeza cando se promove a denuncia do convenio”.  

 Polo tanto, a negociación veuse interrompida pola constitución dunha mesa para promover un convenio de ámbito totalmente diferente. “A xurisprudencia existente tamén lle dá prioridade absoluta á unidade de negociación orixinaria fronte a calquera outra que se pretenda promover”, incidiu.  

 Ao mesmo tempo, a máxima responsábel da FGAMT-CIG amosouse moi crítica coa actitude das organizacións sindicais de ámbito estatal CCOO e UGT, que na xuntanza do pasado 27 de xaneiro amosaron o seu acordo, “en conivencia coa empresa”, para promover o convenio de ámbito estatal, eliminando de facto os convenio colectivos de centro de traballo.  

 “É inadmisíbel, máis alá da propia decisión, que esta se adoptase sen comunicación e sen contar coa opinión das persoas traballadoras afectadas pola usurpación do convenio colectivo”, lamentou.  

 Neste senso, fico fincapé en que a modificación da unidade de negociación supón unha “clara usurpación” das competencias dos comités de empresa elixidos en cada un dos centros de traballo. “Non podemos tolerar que se elimines os convenios de centro e se afasta a negociación das persoas afectadas”. 

 Lembrou que cada centro de traballo era dono do seu convenio colectivo e votaba se estaba ou non a favor do preacordo alcanzado na mesa de negociación, algo que desaparecería cun convenio estatal. “Xa que o que decida o persoal de Arteixo, Chapela e O Porriño non vai ser decisivo, senón que o será a suma de todos os centros de traballo do Estado”.  

 Neste novo convenio estatal inclúense os centros de Valencia (2) e Madrid (1), regulados por convenios sectoriais e polo tanto cunhas condicións laborais totalmente diferentes aos galegos. “Polo que nunha suposta votación poderían votar a favor de determinadas propostas insuficiente para nós porque no seu caso si mellorarían as condicións”.  

 Denunciou tamén o “trato desigual” do grupo Pescanova aos centros de traballo de Insuíña en Xove (Lugo) e Mougás (Pontevedra), que levan máis de dous anos negociando sen acordo un convenio propio. “Xa que curiosamente na proposta que fai a empresa, e que asumiron CCOO e UGT, non se inclúen estes dous centros no convenio de grupo”.  

 Finalmente, sinalou que ademais de recorrer á xustiza as tres centrais continuarán coa acción sindical. De feito, para este domingo día 9 teñen convocada unha asemblea aberta en Redondela para abordar os plans da empresa e decidir as medidas a adoptar de agora en diante en defensa das condicións laborais do persoal galego de Nueva Pescanova. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario