A CIG asume a presidencia e a secretaría do comité de empresa do hospital Povisa de Vigo
• A central fora a organización máis votada nas últimas eleccións sindicais
Infogauda / Vigo
A CIG vén de asumir a presidencia e a secretaría do comité de empresa do hospital Ribera Povisa, de Vigo cos votos a favor do sindicato SATSE e a abstención do resto. A central fora a organización que colleitara máis apoios nas últimas eleccións celebradas no centro médico.
A xuntanza ordinaria do comité que tivo lugar o pasado xoves 9 de xaneiro incluía na orde do día a renovación da presidencia e da secretaría. A proposta da CIG foi facerse cargo da presidencia como central máis votada, e que CCOO ocupase a secretaría ao ter quedado en segunda posición no proceso de eleccións sindicais.
Mais o sindicato estatal rexeitou a proposta de asumir a secretaría, polo que se lle foi propoñendo ao resto dos sindicatos por orde de representatividade (OMEGA, UNENF, SATSE E UGT), rexeitando todos eles o cargo.
“Ante a negativa do resto de sindicatos a aceptar a secretaría do comité, a CIG, como forza maioritaria, amosouse disposta asumir a presidencia e, por responsabilidade, tamén a secretaría”, indican dende a sección sindical da central en Povisa.
A continuación procedeuse ás votacións, nas que se contabilizaron 8 votos a favor da CIG e 3 do SATSE e 4 abstencións de CCOO, 2 de OMEGA, 2 de UNENF e 1 da UGT. Non se rexistrou ningún voto en contra. De xeito que a central asume os dous cargos “por coherencia co resultado das eleccións e co rigor da nosa práctica sindical”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario