O secretario xeral da Lingua presenta no Museo do Mar de Galicia o texto que completa a mostra ‘Plácido Castro. Unha Galicia Soñada’
• A Xunta de Galicia recompila a obra pictórica menos coñecida do intelectual Plácido Castro nun catálogo
• O Goberno galego colabora coa Fundación Plácido Castro na difusión do legado deste artista do século XX
• O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, anima á cidadanía a achegarse á institución cultural para visitar a mostra que pecha o 2 de marzo
Infogauda / Vigo
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na presentación do catálogo que completa a mostra Plácido Castro. Unha Galicia Soñada, que se pode visitar no Museo do Mar de Galicia ata o vindeiro 2 de marzo. Tal e como salientou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, trátase dunha ampla recompilación da obra pictórica menos coñecida do intelectual natural de Corcubión.
Durante o acto, Valentín García destacou a colaboración entre o Goberno galego e a Fundación Plácido Castro grazas á cal se materializou a exposición e a publicación que a completa e que “dá difusión ao legado deste destacado artista do século XX”. Neste senso, fixo fincapé no carácter inédito das pinturas de Castro que foron analizadas polos autores Xulio Ríos e Carlos Bernárdez.
Deste xeito, o secretario xeral da Lingua animou á cidadanía a achegarse ata a institución cultural viguesa para afondar na faceta máis descoñecida deste intelectual como pintor e debuxante, a través dunha mostra que conta cun total de 82 acuarelas e que inclúe paisaxes de localidades da Costa da Morte como Muxía ou das Rías Baixas como Vigo ou Cambados.
Un artista polifacético
Plácido R. Castro (Corcubión, 1902-1967) foi un artista polifacético que sumou unha actividade cultural ampla ao longo da súa vida. Etnógrafo en Irlanda, tradutor de poesía inglesa de vangarda ao galego, locutor dun programa popular da cadea de radio británica BBC ou correspondente do xornal El Pueblo Gallego e do Jornal de Noticias de Porto en Londres. Tamén impulsou a creación das Irmandades da Fala e foi un dos fundadores do Partido Galeguista en 1931.
Á súa produción pictórica súmase multitude de obras como ensaísta e poeta. Ademais, avogou por un turismo cultural respectuoso coa paisaxe e por elo atópase no centro da creación, nos anos 60, de festas tan recoñecidas como a do Albariño de Cambados e da Romaría Viquinga de Catoira.
Ningún comentario:
Publicar un comentario