8 de xan. de 2025

TUI

A Eurocidade Tui-Valença edita un ano máis o seu calendario solidario

 Pode recollerse un exemplar na Casa do Concello a cambio de dous quilos de alimentos non perecedoiros 


A Eurocidade Tui-Valença editou un ano máis seu calendario solidario que ten por lema “A Eurocidade Tui-Valença non se sente, vívese!”
Foto: C.T.

Infogauda / Tui

 A Eurocidade Tui-Valença editou un ano máis seu calendario solidario que ten por lema “A Eurocidade Tui-Valença non se sente, vívese!”.  As páxinas deste almanaque de 2025 están ilustradas con fotografías de Tui e de Valença do Minho que recollen elementos patrimoniais ou paisaxes da Eurocidade.  

 Así a cruz do Monte Aloia, que neste 2025 cumpre 125 anos, abre a páxina do mes de xaneiro. En febreiro é a imaxe de san Teotonio, en Ganfei, a que ilustra esta páxina coincidindo coa festividade, o 18 de febreiro, do que foi o primeiro santo portugués.

 A capela de san Telmo en Tui é a imaxe do mes de marzo, o miradouro de Sant’Ana, no Monte Faro, a de abril, o palco da música de san Bartolomeu a de maio, e a ponte internacional e o río Miño a de xuño. Unha fotografía do solpor no río Miño ocupa a páxina do mes de xullo; o carocho, barco típico do río Miño, a de agosto; o paseo da Corredoira a de setembro, e o mosteiro de san Fins a de outubro.  En novembro, coincidindo co 800 aniversario da catedral é unha vista do principal templo da cidade a que ilustra  a páxina do penúltimo mes do ano. O calendario péchase cunha fotografía da fortaleza de Valença do Minho na páxina correspondente ao mes de decembro.    

 En Tui o calendario pode recollerse na Casa do Concello a cambio de dous quilos de alimentos non perecedoiros. En Valença a distribución, tamén a cambio de alimentos non perecedoiros, realízase na Câmara Municipal de Valença, na Biblioteca Municipal, nas piscinas municipais ou no posto de Turismo.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario