Conflito colectivo da CIG contra Ascensores Enor para que o persoal cobre o plus de perigosidade do convenio do metal de Pontevedra
• O xuízo terá lugar na sede do TSXG na Coruña o vindeiro 6 de febreiro
Infogauda / Vigo / Pontevedra
A CIG decidiu presentar unha demanda de conflito colectivo contra Ascensores Enor, con sede en Vigo, para que se recoñeza o dereito do persoal técnico de mantemento e reparación de ascensores a percibir o plus de traballos especiais recollido no convenio do Metal da provincia de Pontevedra. O xuízo terá lugar na sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) o vindeiro 6 de febreiro.
Dende a central explican que malia que este persoal desenvolve labores que presentan riscos como atrapamento con poleas, electrocución, caída en altura ou esmagamento a compañía négase a abonar este complemento de traballos especiais -na modalidade de traballos perigosos- que figura no convenio que se lle aplica a estas persoas traballadoras.
A presentación da demanda chega despois de que a representación sindical da provincia de Pontevedra esgotase todas as vías de negociación coa dirección, xa que o mesmo convenio recolle que o pago deste plus ten que facerse de mutuo acordo entre as partes. Dende o pasado mes de abril a empresa e o comité celebraron varias xuntanzas, que remataron sen acordo, tras o que a parte social solicitou unha mediación do Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo (AGA) que tamén se pechou se avinza. Agora a CIG agarda que a xustiza obrigue a Enor a rematar con esta discriminación, primeiro na provincia de Pontevedra e despois no resto do país.
Neste senso, trasladan a preocupación existente no comité de empresa de Enor da provincia de Pontevedra (3 delegados/as da CIG e 2 do SIT) pola constante marcha de persoal técnico “formado e cualificado” de Enor cara ao seu principal competidor, a compañía Schindler, que si abona o plus de perigosidade. Até o punto de que nos últimos 12 meses cambiaron de compañía sete persoas traballadoras só nesta provincia, “onde esta empresa está crecendo notablemente en cadro de persoal e clientela”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario