15 de xan. de 2025

ECONOMÍA

A CIG-Construción insiste en reclamar un marco galego que blinde os convenios provinciais 

  Delegados/as e traballadores/as desenvolveron hoxe unha concentración diante da sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra, en Vigo


Persoas traballadoras e delegadas da central na construción de todo o país desenvolveron hoxe unha concentración diante da Confederación de Empresarios/as de Pontevedra (CEP), en Vigo
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 A CIG-Construción insistiu hoxe na necesidade de establecer un marco galego de negociación no sector que permita blindar os convenios provinciais, tras o cambio lexislativo que lle dá prioridade os convenios autonómicos fronte os estatais. Persoas traballadoras e delegadas da central na construción de todo o país desenvolveron hoxe unha concentración diante da Confederación de Empresarios/as de Pontevedra (CEP), en Vigo, para reclamar unha xuntanza coa patronal galega do sector.

 Coa nova normativa aprobada no Congreso polo que se lle dá prioridade aos convenios autonómicos fronte aos estatais, os sindicatos e asociacións empresariais que reúnan os requisitos de lexitimación “poderán negociar convenios colectivos e acordos interprofesionais de comunidade autónoma”.  

 Por iso a CIG-Construción leva dende o verán solicitando unha xuntanza coa patronal galega FEGACONS co obxectivo de pactar un convenio ou acordo a nivel galego que permita blindar as melloras contempladas nos convenios provincias fronte ao estatal. E deste xeito poder evitar o acontecido co convenio de Pontevedra, que foi impugnado pola patronal porque contemplaba mellores condicións respecto ao estatal.  

 A central cursou até tres peticións de reunión coa federación galega dende o pasado mes de xullo, que non contestou as solicitudes, polo que decidiu iniciar un calendario de mobilizacións cunha unha primeira protesta na sede de Santiago. Mais a FEGACONS optou novamente por non responder, de xeito que a CIG trasladou as medidas de presión á patronal de Ourense o 16 de decembro, e hoxe á CEP Vigo.  

 Ao tempo que anuncia novas protestas na Coruña e en Lugo nas vindeiras semanas, así como que promoverá unha folga no sector a nivel galego se a patronal continúa ignorando as peticións de xuntanza dende a central sindical máis representativa do país.

Condicións impostas  

 Neste senso, o secretario nacional da CIG-Construción, Plácido Valencia, explicou que con estas mobilizacións pretenden convencer a patronal da necesidade de manter unha xuntanza para negociar un convenio galego de sector unha vez que a nova normativa nos dá a posibilidade de ter un marco propio no que decidir as condicións laborais.  

 Unhas condicións que na actualidade “veñen impostas de Madrid”, porque o convenio estatal “estrangula” os provinciais ao ter reservadas todas as materias obxecto de negociación, até o punto de os provinciais terminan pactando unicamente o calendario laboral. “Excepto o de Pontevedra, que como temos a maioría da representación intentamos que superase o estatal, pero foi impugnado pola patronal madrileña mesmo en contra dos intereses da patronal pontevedresa”.  

 Tras o cambio lexislativo que lle dá prevalencia aos convenios autonómicos fronte aos estatais existe a posibilidade de establecer un marco galego que protexa o pactado nos provinciais. “Neste ámbito é no que se teñen que pactar os convenios, porque é onde se coñecen as necesidades específicas do sector en cada provincia”.  

 Ao igual que aconteceu en Ourense, unha delegación da CIG-Construción mantivo un breve encontro no interior da sede patronal cun representante da patronal da construción pontevedresa para instar a que presionen a federación galega a reunirse se consideran necesario pactar un marco galego que protexa os acordos negociados aquí”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario