14 de xan. de 2025

O ROSAL

O Rosal descubre os segredos da toponimia nunha nova sesión das súas Xornadas de Patrimonio 

  O arqueólogo Alberte Reboreda afondará sobre os nomes de lugar do municipio este venres 17 de xaneiro, ás 20.00 h, no Centro Social Polivalente 



     

Infogauda / O Rosal

 Os nomes gardan a memoria do territorio, contan historias e revelan a conexión entre persoas e lugares. Neste camiño, O Rosal converterase no escenario dunha viaxe pola toponimia local nunha nova sesión das Xornadas de Patrimonio que nesta ocasión será protagonizada polo arqueólogo Alberte Reboreda.  

 Colaborador do proxecto Galicia Nomeada que coordina a Real Academia Galega, Reboreda afondará sobre ‘Os nomes de lugar no concello do Rosal’ nunha charla de balde este venres 17 de xaneiro ás 20.00 h no Centro Social Polivalente no que prometer achegar unha nova ollada sobre a riqueza patrimonial do territorio.  

 Autor de diferentes traballos de recollida de toponimia en distintos municipios do país, o arqueólogo fará unha aproximación á toponimia maior do Rosal, centrándose nos nomes das parroquias e dos lugares habitados que as conforman, explicando as súas orixes e significados nunha proposta amena e didáctica.  

 Esta charla será a terceira cita da tempada coas Xornadas de Patrimonio do Concello tras a presentación do libro de Xavier Maceiras sobre as telleiras da Laracha e os cabaqueiros do Baixo Miño o pasado mes de outubro e a charla sobre o retablo barroco da igrexa de Santa Mariña no seu 300 aniversario.  

 A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destaca o compromiso do Concello coa posta en valor do patrimonio local nos seus diferentes ámbitos. “A toponimia é moito máis que nomes e mapas, é a nosa historia, o noso legado. Con estas xornadas seguimos reforzando a identidade do Rosal e ofrecendo á veciñanza a oportunidade de coñecer máis sobre o lugar que habitan e sobre quen fomos ao longo dos séculos”, destacou. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario