30 de xan. de 2025

CULTURA

Fernando Blanco. Paisaxe, conciencia, fábrica 

7 febreiro 2025 / 13 abril 2025

Na Fundación Luis Seoane (A Coruña)



Fundación Luis Seoane / A Coruña

 A exposición Fernando Blanco. Paisaxe, conciencia, fábrica é un percorrido por 50 anos do traballo de Fernando Blanco (O Carballiño, 1947) que afonda nos estreitos lazos entre a súa obra arquitectónica e a súa práctica artística. Dúas actividades que, lonxe de existir en paralelo, nacen e se desenvolven a partir dun formulamento teórico e dun pulo creativo baseados na integración das artes, un concepto tamén presente no desenvolvemento artístico de Luis Seoane, que elimina barreiras entre artes plásticas e arquitectura e avoga por unha colaboración sen límites entre arquitecto e artista. Esa asociación atópase no corazón do traballo deste autor, ao que esta mostra lle rende homenaxe a través dunha selección de máis de medio centenar de pezas, desde os seus comezos a mediados dos anos setenta ata o momento actual.  

 Proxectos como a vivenda unifamiliar do Grove, a casa Aristides ou o Centro de Saúde de Castro Ribeiras de Lea, as súas intervencións no espazo urbano xunto cunha selección da súa produción artística serven para contextualizar nesta exposición o universo dun creador singular cuxa obra se pode interpretar a través dos códigos das artes plásticas.  

 Coincidindo coa celebración desta mostra publicarase unha monografía do mesmo nome, unha edición a cargo dos arquitectos Luis Gil Pita e Ricardo Lampreave sobre o traballo de Fernando Blanco editada pola ETSAC e o COAG coa colaboración da Fundación Luis Seoane.

Ningún comentario:

Publicar un comentario