O Consorcio Casco Vello de Vigo pecha un ano “histórico” coa compra de Ribeira do Berbés 9 para “dar vida ao barrio” con nova vivenda pública
• A delegada da Xunta de Galicia, e presidenta do organismo autónomo, Ana Ortiz, confirma a adquisición do inmoble situado xunto ao Edificio Redeiras
Infogauda / Vigo
A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Ana Ortiz, avanzou este venres que o comité executivo do organismo autónomo aprobou a adquisición dun novo inmoble no Berbés por un importe de 315.000 euros para a súa rehabilitación. Esta reforma permitirá construír novas vivendas no barrio histórico vigués, onde o CCVV xa adquiriu outros doce edificios.
A representante autonómica sinalou que o CCCV, participado nun 90% pola Xunta de Galicia e un 10% polo Concello, autorizou a compra do edificio situado no número 9 da Ribeira do Berbés, entre o Edifico Redeiras da Universidade de Vigo e o Albergue Público de Peregrinos Juan Manuel López Chaves. Trátase dun inmoble de catro andares cunha superficie de 61 metros cadrados por planta. “Pechamos con esta adquisición un ano histórico no que cumprimos o compromiso firme da Xunta de Galicia de dar vida ao barrio para lograr unha rehabilitación integral do Casco Vello no menor tempo posible”, sinalou.
Para a recuperación do Berbés xa levouse a cabo nos últimos meses a compra de dous edificios situado nos número 25 e 27. “É unha das mellores noticias que podiamos dar aos vigueses: construción de vivenda de protección e rehabilitación do Casco Vello, sen esquecer que a Xunta segue traballando en ámbitos como Navia para dotar á cidade de vivenda pública”, apuntou a delegada.
“Un dos mellores exemplos”
Ana Ortiz tamén fixo fincapé en que o Consorcio Casco Vello de Vigo é “un dos mellores exemplos do traballo continuado que realizamos en favor da cidadanía viguesa cando non se lle poñen trabas”. Indicou igualmente que o labor xa é visible en “rúas enteiras como as do Casco Vello Alto que locen agora como nunca, con decenas de emprendedores e negocios que decidiron que o seu futuro está no barrio histórico”.
Respecto dos plans de futuro do CCVV destacou que en 2025 avanzarán as obras de rehabilitación dos edificios da rúa Elduayen 39-Ferrería 16 (cinco vivendas de protección autonómica e un local comercial), da rúa Hortas 2-4-San Sebastián 20 (dúas vivendas) e do inmoble da Ribeira do Berbés 39-San Francisco 2 (dúas vivendas).
Ningún comentario:
Publicar un comentario