27 de dec. de 2024

TUI

A Eurocidade Tui-Valença vivirá unha tarde máxica coa Cabalgata Internacional de Reis 

  Coma novidade este ano os Reis recibirán aos nenos e nenas xa pola mañá no novo espazo sociocultural da rúa Camilo José Cela, e volverán facelo tras o percorrido internacional. 




Infogauda / Tui 

 A Eurocidade Tui-Valença prepárase para vivir unha tarde máxica de Reis coa tradicional Cabalgata Internacional, que terá lugar o domingo, 5 de xaneiro de 2025. As súas maxestades, Melchor, Gaspar e Baltasar, teñen previsto chegar ás 16:30 h á estación de tren de Valença. Dende alí, iniciarán un percorrido de 3,5 quilómetros acompañados por unha ampla comitiva de máis de 200 persoas ata o paseo da Corredoira, en Tui.  

 Esta é a única cabalgata internacional entre dous países e volverá encher de ilusión ás miles de persoas que se achegarán a presenciar o paso dos Reis Magos polas rúas de Valença e Tui. Un dos momentos máis destacados será o cruzamento pola emblemática ponte internacional.  

 Melchor, Gaspar e Baltasar viaxarán en tres impresionantes carrozas, seguidos dunha colorida comitiva que incluirá música a cargo da Rondalla O Mosteiro, de Pexegueiro, e das charangas Cantos Somos e A Tu Ritmo. Tamén estarán presentes as carrozas das asociacións Arume, de Malvas; Aloia, de Pazos de Reis; e Xuntanza, de Randufe, que levarán maxia e alegría a este percorrido, durante o cal se repartirán máis de 1.500 quilos de caramelos sen glute.  

 Ao final do percorrido, os Reis Magos recibirán a todos os nenos e nenas que desexen saudalos no novo espazo sociocultural da rúa Camilo José Cela. Como novidade, este ano ofrecerán unha recepción previa no mesmo lugar o domingo pola mañá, de 10:30 a 12:30 h.  

 Ademais, Melchor, Gaspar e Baltasar visitarán ás persoas maiores das residencias e centros de día de Tui e Valença. O venres 3 de xaneiro, a partir das 10:45 h, achegaranse á Residencia Paz e Ben, ao Centro de Día Amoralia e á Residencia San Telmo. Pola tarde, desde as 16:00 h, estarán en Valença, na IPSS da Cruz Vermelha, na Santa Casa da Misericordia e no Centro de Día.  

 A Cabalgata Internacional de Reis, organizada pola Eurocidade Tui-Valença, conta coa colaboración da Garda Nacional Republicana; a Associação Humanitária de Bombeiros Voluntários de Valença; Protección Civil de Valença e de Tu; Policía Local de Tui; o Grupo Scout Alhoia e a Radio Municipal de Tui.

Ningún comentario:

Publicar un comentario