27 de dec. de 2024

TUI

Música e deporte na programación de Nadal para despedir o ano

  A Banda de Música e as corais tudenses actuarán no Teatro Municipal. A Orquestra Kubo dará a benvida ao 2025 no Espazo Feiral 

  

A maxia continúa no edificio da praza da Inmaculada co Taller Máxico de Papá Noel
Foto: C.T.

Infogauda / Tui

 A programación de Nadal continúa a encher de maxia Tui con diferentes propostas nos próximos días.   

 O Teatro Municipal de Tui acollerá hoxe venres e mañá sábado os concertos de Nadal da Banda de Música Popular de Tui e das tres corais tudenses, Centro Sociocomuntiario, Ponte das Febres e San Telmo, respectivamente. As entradas para estes eventos musicais están á venda en tui.gal.   

 Amais hoxe venres ás 16.30 h na Residencia Paz e Ben actuou a Coral San Telmo.   

 Para dar a benvida ao 2025 a orquestra Kubo actuará á unha madrugada do mércores 1 de xaneiro no Espazo Feira, na avenida da Concordia.  No recinto, cuberto con carpa, a orquestra ofrecerá un espectáculo musical e festivo para comezar o ano.  

 Por outra parte onte á tarde comezou a terceira e derradeira quenda do Mercado do Nadal con vinte postos que enchen de creatividade, artesanía, produtos de Nadal, e gastronomía o céntrico paseo da Corredoira. O seu horario este venres e o domingo será 12 a 14 h e de 17 a 21 h, mentres que o sábado o seu horario prolongarase até ás 22 h.   

 A maxia continúa tamén no edificio da praza da Inmaculada co Taller Máxico de Papá Noel que abre de 11 a 14 h e de 17 a 20 h. Amais este sábado 28 de decembro e o venres 2 e sábado 3 contará coa presenza dos paxes reais.  O deporte tamén está presente nesta programación coa III San Silvestre Tudense Solidaria que se celebrará o martes, 31 de decembro, dende ás 10.30  h cun percorrido urbano de catro quilómetros que poderá realizar correndo, andando ou en marcha nórdica. A proba bate récord de participación xa que a tres días de que peche a inscrición están xa anotadas 1200 persoas.  Na páxina web do club Atletismo Tui pódese cubrir o formulario de inscrición até ás 22 h deste domingo, 29 de decembro. A proba é solidaria coa Asociación Española contra co Cancro.   

Aparcamento gratuíto no IES San Paio até o 5 de xaneiro 

 Até o 5 de xaneiro pódese aparcar no recinto do IES San Paio de forma gratuíta en horario de 10 a 22 h. Dende o Concello de Tui agradécese a colaboración do IES San Paio que posibilita que durante estas festas se habilite este zona de aparcamento en pleno centro urbano.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario