BALONMÁN FEMININO
O Mecalia Atlético Guardés busca resarcirse ante o Elche
• Este martes ás 20.30 horas, no pavillón municipal A Sangriña, no partido de novena xornada, dedicado á campaña NON contra a violencia de xénero
• As de Ana Cristina Teixeira Seabra buscarán valerse da súa semana adicional de descanso ante un duro rival para recuperala senda da vitoria tras perder a pasada semana contra Bera Bera
• María Sancha volve á convocatoria, recuperada da súa rotura nun dedo da man dereita
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés disputará este martes 12 de novembro de 2024, ás 20.30 horas, no pavillón municipal A Sangriña, a novena xornada da Liga Guerreras Iberdrola 2024/2025, cun partido dedicado á campaña NON contra a violencia de xénero de Deporte Galego.
As de Ana Seabra enfrontaranse a outro dos pesos pesados da categoría, Atticgo BM Elche, un rival veterano que promete opoñer unha dura pelexa malia non ter comezado a tempada con moi bo pé. Fronte a el, o Mecalia Atlético Guardés tratará de recuperala súa etapa de vitorias para manterse na batalla polo máis alto da clasificación, contando ademais co novo efectivo de María Sacha, xa recuperada da súa lesión.
Tralo adiamento do partido de oitava xornada por coincidencia coa competición europea, o Mecalia Atlético Guardés chega este martes coa vantaxe que supón unha semana de descanso adicional sobre o seu rival. Unha situación da que buscará valerse para palialas consecuencias do último partido, no que obtivo a súa primeira derrota da tempada fronte a Super Amara Bera Bera, tamén na Sangriña. Malia unha resistencia e aguante loables, as de Ana Seabra non puideron frear a rapidez de ataque das vascas e caeron pola mínima (26-27), perdendo o liderado e a súa condición de invictas. Este martes, con semana e media polo medio para recuperárense do golpe e traballar nos erros que as levaron á derrota, o Mecalia Atlético Guardés tratará de volver sumar dous puntos e de demostrar que non acumula un dos seus mellores comezos ligueiros históricos por nada. Para iso, ademais, o plantel branquivermello poderá darse un respiro por unha vez, despois de varias semanas sufrindo o peso de distintas lesións e sen poder suplilas ausencias con xogadoras de base. A gran noticia para este martes é a volta de María Sancha, recuperada por fin dunha rotura no cuarto metacarpiano da man dereita producida o pasado mes de agosto durante a pretempada. Así, a excepción de Elena Martínez (que continúa recuperándose da súa rotura de ligamento cruzado e meniscos), e sen máis baixas adicionais, Ana Cristina Teixeira Seabra poderá contar cunha contundente convocatoria, reforzada ademais coa xuvenil Yanet Rodríguez na portería.
O Mecalia Atlético Guardés tratará de explotar todas estas condicións favorables fronte a un Atticgo BM Elche que non acaba de atopar o seu sitio esta tempada, e que chega ademais despois dunha fin de semana de viaxes e esixente xogo na liga europea. O equipo ilicitano, un dos grandes nomes da categoría e que o ano pasado competiu polo título de Liga, visitará A Sangriña este martes, en cambio, na parte baixa da táboa, en décima posición e con tan só dúas vitorias ao seu favor dun total de oito partidos xogados. As de Joaquín Rocamora acumulan un percorrido de comezo de tempada máis complicado ca o Mecalia Atlético Guardés, e por iso no seu desprazamento ata A Guarda, tratarán de amosar toda a súa calidade, conscientes da importancia de non deixarse caer na táboa unha vez finalizadas as primeiras semanas de toma de contacto coa tempada.
A última visita do Elche ao Inferno levárona as anfitrioas pola mínima (26-25), hai case exactamente un ano, un sufrido resultado que se suma á ancha derrota que viviron as da Guarda na súa visita ao feudo ilicitano (31-23), na derradeira xornada da liga regular 2023/2024. En definitiva, as de Ana Cristina Teixeira Seabra non deben deixarse enganar pola posición na clasificación do seu contrincante, que por outra parte foi un dos dous únicos equipos capaces de vencer ao Bera Bera polo de agora. Conscientes do reto, tratarán de apelar ao cansazo rival e de valerse dos seus efectivos para facer o seu xogo e seguir no máis alto.
Ana Seabra: “Temos que cometer menos erros que no último partido para competirmos ao nivel que queremos”
A adestradora do Mecalia Atlético Guardés, Ana Cristina Teixeira Seabra, coincide na importancia de non subestimala posición na que chega o Elche este martes: “Sabemos que imos xogar contra un rival con bastante calidade, un equipo que non se rende e que defensivamente crea sempre moitas dificultades a tódolos seus opoñentes, con superioridade e agresividade”, explica. A técnica destaca como puntos clave do equipo a súa capacidade de tiro exterior, coas laterais Kelly de Abreu e Carmen Figueiredo; a relación da primeira liña coa pivote Carmen Prelchi o a calidade na súa portería, rexentada por Udane Bernabé e Nicole Morales.
Dada a situación rival, Seabra explica que o equipo alacantino irá a por todas, “e que sen dúbida queren causarnos moitos problemas”. Por outra banda, a adestradora do Mecalia Atlético Guardés tamén lembra a vantaxe que supón a semana de descanso adicional que gozaron as súas: “Traballaron moito durante a semana, como fixeron ata agora, e despois dun partido amargo a pasada finde estamos ben”, indica, recalcando ademais a importancia de contar de novo con María Sancha.
Porén, a directora deportiva do Mecalia Atlético Guardés tamén sabe que non vai ser doado, e remata a súa mensaxe chamando á autocrítica: “Somos conscientes de que temos que cometer menos erros que no último partido e que mellorar a nosa eficacia de tiro para poder competirmos ao nivel que queremos e lograr os dous puntos”.
AGENDA
Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 9
Mecalia Atlético Guardés – Atticgo BM Elche
Martes, 12 de novembro | 20:30 horas | Pavillón da Sangriña |
En directo pola canle de YouTube do Mecalia Atlético Guardés.
Ningún comentario:
Publicar un comentario