O teatro infantil continúa na Guarda cunha obra de monicreques sobre a paz
Este sábado 16 de novembro, ás 18:00 horas, no Centro Cultural
Infogauda / A Guarda
A Guarda continúa co seu outono teatral. Desta vez, será unha obra - “A Teteira de Kabul” - dirixida ao público infantil (+6 anos). A función será este sábado 16 de novembro, ás 18:00 horas, no Centro Cultural.
“A Teteira de Kabul”, da compañía Xarope Tulú fala sobre o valor da paz. A súa protagonista, Mina, é unha nena afgá que ten que abandonar o seu fogar como consecuencia da guerra. Ela e a súa familia emprenden unha longa viaxe na que a pesar das duras condicións irán descubrindo a beleza do tránsito, grazas ás historias que lle conta súa nai e que ela garda nunha teteira.
Trátase dunha obra de obxectos e monicreques, que chegou a finalista a mellor proposta de monicreques nos Premios María Casares 2024.
Ningún comentario:
Publicar un comentario