17 de out. de 2024

VIGO

“Non imos permitir que ningún Goberno local ofenda a memoria das loitas obreiras de Vigo” 

A CIG desenvolveu hoxe unha nova mobilización diante do Concello para denunciar o boicot do alcalde á instalación dun monumento na cidade 


Delegados/as da CIG e traballadores/as desenvolveron hoxe unha nova concentración diante do Concello de Vigo
Fotos: CIG

Infogauda / Vigo

 Delegados/as da CIG e traballadores/as desenvolveron hoxe unha nova concentración diante do Concello de Vigo para denunciar o boicot do alcalde á instalación na cidade dun monumento sufragado pola central sindical para honrar as loitas obreiras de 1972. O secretario comarcal, Alberto Gonçalves, quixo deixar moi claro que “non imos permitir que ningún Goberno municipal ofenda desta maneira a memoria das grandes loitas obreiras que se viviron en Vigo” e anunciou a convocatoria de novas mobilizacións. 

 “Se cadra Abel Caballero non comprendeu a gran lección que deron as folgas de 1972, pero vamos a refrescarlla: a forza organizada da clase traballadora é imparábel. Se non logrou freala unha ditadura, tampouco o vai lograr unha maioría absoluta”. Así de contundente se amosou o máximo responsábel da CIG-Vigo durante a súa intervención ao remate da protesta que tivo lugar dende as 11:00 horas ás portas do consistorio ao berro de “A loita obreira tamén ten memoria” e “Abel Caballero ofende os obreiros/as”. Unha protesta na que tamén participou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril. 


Na protesta tamén participou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril

 Gonçalves lembrou que cando en 2022 se cumpriron 50 anos das “históricas” loitas obreiras de 1972, que deixaron unha “pegada imborrábel” neste cidade e abriron unha “nova páxina” na historia do movemento obreiro galego, a CIG desenvolveu un amplo programa de accións e actividades para poñer en valor o seu exemplo. “Non con nostalxia, senón con compromiso firme de sermos continuadores/as dese camiño digno de loita, de mobilización e de conflito”. 

 No marco deses actos conmemorativos a CIG púxose en contacto co Concello de Vigo para ofrecerlle a doazón dun gran monumento en pedra, encargado e pagado polo sindicato, “na certeza de que a cidade de Vigo merece recoñecer cun monumento visíbel e permanente as loitas de 1972”.  

 Pero o Goberno municipal do PSOE de Abel Caballero, “ese alcalde que tanto gusta de inauguracións e grandes obras, o único que fixo desde xaneiro de 2022 foi marear a perdiz, poñer un reparo detrás de outro, unha escusa por encima de outra”. 

 De xeito que de nada serviu que a CIG se amosase disposta a colaborar, aceptando incluso até tres lugares diferentes nos que dicían querer colocar o monumento. “O Goberno de Caballero sempre acababa fechando o asunto cun manto de burocracia e, despois, de silencio”.  

 O responsábel sindical cualificou a situación de “absolutamente inaceptábel e incomprensíbel”, e amosouse convencido de que ningún vigués/a poderá entender que o Concello non facilite a instalación deste monumento para conmemorar o 50 aniversario do setembro de 1972 que protagonizou a clase traballadora da cidade en plena ditadura franquista. “É unha clara demostración da política antiobreira e profundamente antisindical do alcalde”. 

 Por iso a CIG decidiu mobilizarse de novo ás portas do Concello, para enviar “unha mensaxe rotunda” como primeira forza sindical: “Non imos permitir que ningún Goberno municipal ofenda desta maneira a memoria das grandes loitas obreiras que se viviron en Vigo. Non imos tolerar que un alcalde que se di progresista desprece e lle falte ao respecto desta maneira aos milleiros de obreiros/as que deron a batalla pola mellora das condicións de vida e de traballo”.  

 Con ese obxectivo, “e fartos/as do silencio oficial que nin tan sequera contesta as solicitudes de xuntanza co alcalde”, a CIG xa rexistrou unha proposta de moción para que sexa debatida no Pleno e solicitou formalmente poder intervir na sesión, tal e como se prevé no regulamento.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario