22 de out. de 2024

TUI

Un encontro coa escritora Rexina Vega abre a nova temporada dos clubs de lectura en Tui 

 Esta actividade promovida pola concelleira de Igualdade forma parte da programación do Mes da Biblioteca 




Infogauda / Tui

 A escritora Rexina Vega estará este mércores en Tui para manter un encontro coas persoas integrantes dos clubs de lectura tudenses sobre o seu último libro “O teu perfil na miña sombra” publicado este ano en Galaxia. Unha actividade que promove a concellería de Igualdade do Concello de Tui.  

 As vinte persoas que participan no Club de Lectura Tempo de Mulleres, dinamizado por Cristina Fernández Ameal, e as vinte participantes no Club de Lectura María Tydeska coordinado polo persoal da propia Biblioteca, terán a oportunidade de compartir con Rexina Vega as impresións sobre esta obra en forma de diario que recolle narración, poesía e ensaio sobre  un dos temas esenciais da reflexión sobre o “ser muller”: a maternidade. 

Rexina Vega

 Rexina Vega, que protagonizará o encontro deste mércores, é doutora en Filoloxía Románica coa tese Bilingüismo e autotradución en Álvaro Cunqueiro, autor sobre o que publicou numerosos artigos e estudos monográficos. Durante os anos noventa foi docente na área de Filoloxía Galego-Portuguesa da Universitat Autònoma de Barcelona. Exerceu a crítica teatral na revista El Público e a crítica literaria para Quimera, Zurgai, Anuario de Estudos Galegos ou Grial, entre outras publicacións. Tamén foi colaboradora habitual da sección El trujamán do Centro Virtual Cervantes. No campo da lexicografía formou parte do equipo de redacción dos dicionarios bilingües español-francés da editorial Larousse e do Dicionario Vox galego-castelán. É Premio Sthendal e finalista do Premio Nacional de Tradución pola obra de Georges Perec “El secuestro”. Actualmente é profesora do Departamento de Lingua Española na Universidade de Vigo. Ten publicada varias novelas: “Cardume” (2007), “Dark Butterfly” (2012), “Nadie duerme” (2017, en castelán; e en 2019 en galego) asinando como Xina Vega, “O estado intermedio” (2020) e neste ano “O teu perfil na miña sombra. Diario dunha nai” sobre o que se centrará o encontro cos clubs de lectura tudenses.  

 Este encontro súmase á programación de “Outubro, mes da Biblioteca” que está desenvolvendo a Biblioteca Municipal de Tui arredor da celebración este xoves, 24 de outubro, do “Día da Biblioteca”. Para a concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, estes clubs de lectura son unha oferta de promoción da lectura e de participación social,  onde o pracer da lectura se enriquece compartíndoo con outras persoas.  

 Pola súa banda a concelleira de Igualdade, Ana Núñez, pon en valor a importancia de poder compartir con autoras coma Rexina Vega a lectura das súas obras, neste caso indica “esta é unha oportunidade única para reflexionar sobre a maternidade dende unha perspectiva feminista”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario