O Rosal celebrará Samaín entre enigmas e castañas
• O Concello organiza o vindeiro 31 de outubro un xogo de pistas ao aire libre para toda a familia. A xornada rematará cun magosto popular de balde
Infogauda / O Rosal
O Rosal vaise converter na capital da aventura este Samaín. O vindeiro 31 de outubro o Concello organizará unha xornada inesquecible para celebrar esta data sinalada con diversión, lecer e castañas de balde para todos os públicos. Como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “non hai mellor escenario para vivir o Samaín que as rúas do Rosal, celebrando unha festa que conecta o pasado co presente con actividades coas que buscamos manter vivo o noso patrimonio cultural, engadindo un toque de diversión e modernidade que atraia a todas as xeracións de rosaleiros e rosaleiras”.
A xornada comezará cun xogo de pistas ao aire libre para nenas, nenos e maiores. A cita dará comezo ás 18.00 horas diante do mercado do Rosal, onde se reunirán os grupos participantes nesta actividade pensada para todas as idades. Da man de Biophilia, as persoas participantes irán descubrindo a contorna pista tras pista.
A actividade contará cun máximo de 25 prazas para nenos e nenas, que deberán ir acompañados dunha persoa adulta. A actividade, pensada para público familiar, está deseñada para que todas as persoas participantes se involucren, con pistas axeitadas para que cativada e maiores se divirtan. Ademais, a participación dividirase en varios grupos compostos por varias familias, o que posibilita a opción de que participen varias xuntas.
As persoas interesadas en participar deberán inscribirse ata o mesmo día do xogo de forma presencial na Casa do Concello ou chamando ao 986 625 000. A única condición será acudir con ganas de pasalo ben e, se o desexan, ir disfrazados. En caso de choiva lixeira o evento manterase en pé, mentres que se o tempo non acompaña e hai choiva máis forte podería verse aprazado.
A xornada rematará ás 20.00 horas cun magosto popular de balde na praza do Calvario aberto a toda a veciñanza. “Será unha oportunidade perfecta para reencontrarnos, compartir e vivir o espírito do Samaín cunha tradición tan nosa como o magosto. O lume, as castañas e as historias que nacen arredor delas farán desa noite algo único”, resaltou a rexedora.
Ningún comentario:
Publicar un comentario