1 de out. de 2024

CERVO (LUGO)

INAUGURACIÓN DA SEGUNDA UNIDADE RESIDENCIAL DA ASOCIACIÓN SAÚDE MENTAL “A MARIÑA”, EN CERVO 

  O acto terá lugar o próximo 4 de outubro, mes da Saúde Mental na praza do Souto de Cervo ás 12:30 horas 

  Asistirán o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; o conselleiro do Mar, Alfonso Villares; e a alcaldesa Dolores García Caramés 

  Estarán presentes outros representantes das autoridades autonómicas e de entidades sociais adicadas á Saúde Mental en Galicia 


A Asociación Saúde Mental “A Mariña” inaugurará o próximo venres, día 4 de outubro, a segunda unidade residencial para persoas con trastorno mental severo, na praza do Souto nº 3, Cervo

Foto: Cedida

Infogauda / Cervo (Lugo)

 A Asociación Saúde Mental “A Mariña” inaugurará o próximo venres, día 4 de outubro - Mes da Saúde Mental -, a segunda unidade residencial para persoas con trastorno mental severo, na praza do Souto nº 3, Cervo. 

 O evento, que terá lugar na praza do Souto, a partir das 12:30 horas, reunirá a mais de 200 persoas sensibilizadas co colectivo de saúde mental, onde se vislumbrará tanto a misión como a visión da entidade, sempre aderezada dos seus valores, poñendo en valor a importancia de formar parte da memoria histórica, coa creación de infraestructuras fogar , onde mellorar a calidade de vida de tódolos internos e poñendo á persoa no centro de tódalas atencións.

  En palabras da súa directora técnica, Mª José Nóvoa, “nesta inauguración, na que estamos a depositar moitas ilusións, queremos agradecer a tódalas entidades implicadas, especialmente ao Concello de Cervo e á Xunta de Galicia, que esta xornada sexa unha realidade, contribuíndo sempre coa súa sensibilidade a visibilizar a este colectivo e as enfermidades mentais, e a loitar contra un estigma aínda presente na nosa sociedade”. Sen o apoio da Consellería de Sanidade, con quen ten concertadas as prazas dos Centros de Rehabilitación Psicosocial e Laboral de Burela, Viveiro e Ribadeo asi como do piso protexido e da primeira Unidade Residencial, este proxecto non sería posible. A este apoio das entidades públicas súmase o apoio tamén de entidades da sociedade civil, como a Fundación Amancio Ortega, que colaborou co equipamiento do centro residencial, e o apoio incondicional dos propios traballadores e usuarios da entidade Saude Mental A Mariña; mais de 40 persoas que fixeron esta residencia unha realidade. 

 Os asistentes ao acto serán agasallados por parte das persoas usuarias da entidade, entregando un detalle persoal feito por elas mesmas. 

 A partir das 12.30, e tras a intervención das autoridades presentes, despois de destaparase a placa conmemorativa, intervirán os “Acordeonistas da Mariña”, para pasar despois a disfrutar dun ágape de confraternidade todos xuntos. 

A Asociación Saúde Mental “A Mariña” 

 A entidade, cos seus centros de rehabilitación psico-social e laboral, sitos en Burela, Ribadeo e Viveiro, así como co piso protexido, todos concertados co Servizo Galego de Saúde, trata de mellorar a calidade de vida das persoas que padecen un trastorno mental crónico e das súas familias. 

 A apertura da primeira Unidade Residencial en Cervo no 2011, sendo a cuarta especializada de toda Galicia, e con 25 prazas concertadas co Sergas, así como a vivenda tutelada para mulleres vítimas de violencia de xénero con enfermidade mental, única do país, supuxeron un adianto cuantitativo e cualitativo en canto a dar cobertura integral a moitas persoas diagnosticadas de enfermidade mental crónica que precisan dunha atención residencial integral. 

 Coa suma desta nova residencia, denominada Residencia Resort de Saúde Mental A Mariña , o que pretendemos é medrar en prazas para dar cobertura a todas esas persoas que dende os 18 ata os 60 anos precisan dun recurso que os poña no centro de tódalas atencións, mellorando as súas calidades de vida e axudándolles á creación dun proxecto de vida individualizado e consensuado. Manténdoos nunha contorna comunitaria e promovendo a súa integración social e familiar, mellorando o funcionamento psico-social e posibilitando a maior independencia posible. 

 A súa misión é, pois, prestar unha asistencia continuada ás persoas con enfermidade mental persistente para lograr a súa rehabilitación, así como á das súas familias, na Area Sanitaria da Mariña de Lugo, así como a nivel autonómico; sempre tendo en conta os valores de profesionalidade, transparencia, traballo en equipo, eficacia, afecto, comprensión, implicación e seguridade. E por suposto, indo sempre da man de Saúde Mental Feafes Galicia, Federación á que pertencemos dende a nosa creación. 

 Dende a Asociación queremos amosar unha vez máis o noso agradecemento a esas persoas, entidades e colectivos que, desinteresadamente, quixeron colaborar coa causa e agradecer a todos os mariñáns que se unirán a ser partícipes dun feito histórico para a nosa entidade, acompañándonos para seguir a traballar todos xuntos por romper co estigma que acompaña ás persoas con enfermidade mental e mellorar a súa calidade de vida. 

A Residencia Resort de Saúde Mental A Mariña 

 Trátase dunha residencia que dispón de vinte prazas mixtas para persoas con enfermidade mental crónica, que sendo autónomas ou tendo unha dependencia moderada, non presentan graves problemas de mobilidade. 

 Está ubicada en Cervo (Lugo), nun núcleo de apenas 500 veciños/as, concretamente na praza do Souto, lugar que alberga os acontecementos importantes da parroquia, como festas, mercados, mostras folclóricas, teatro, etc. e onde se atopan as dúas únicas cafeterías e a tenda de ultramarinos que hai no pobo, polo que se caracteriza por ser un enclave moi tranquilo ao mesmo tempo que dispón de establecementos básicos. 

 Situada na Mariña Central, está a 300 m dos servizos sociais comunitarios, a 500 m do centro de saúde, a 500 m da icónica Fábrica de Sargadelos, a 1 Km do idílico Paseo dos Namorados, a 3 Kms da costa e as súas praias e moi preto de Burela, onde está situada a USM (Unidade de Saúde Mental) e o Hospital da Mariña, sendo o noso hospital de referencia. Outro aspecto a ter en conta, non menos importante, é que a súa localización atópase a menos de 1 Km da Unidade Residencial da que xa dispón actualmente a Asociación. 

 Anteriormente foi un hotel rural que foi aberto en xullo de 2007, despois de facer unha coidada rehabilitación nun inmoble de principios do século XX, cunha importante vida social naquel tempo e con historia propia. Coñecida como Casa do Sr. Fidel e Sra. Flora, xa que naqueles tempos foi casino, casa de comidas e hospedaxe. Pódese afirmar, polo tanto, que a residencia está integrada nun contorno vivo e próxima aos servizos sociais e sanitarios, estando situada nunha zona suficientemente comunicada con fáciles accesos e con espazos verdes e paseos próximos, algo que cremos pode contribuír a mellora terapéutica de cada un dos pacientes. 

 Trátase, por tanto, dunha Unidade Residencial moi especial, con gran ventilación e luz natural, con todos os recursos materiais necesarios para garantir unha vida en familia e con todo o apoio profesional as 24 horas do día. 

 Dispón de salón, comedor, catro cuartos de baño nas zonas comúns, cociña industrial totalmente equipada, habitacións dobres con cuartos de baño en todas elas , que dan cabida a vinte usuarios, sala de reunións e de técnicos , sala de estar, despachos, sala de actividades, lavandería e patio exterior (contamos con unha illa e un bonito paseo fluvial.

As enfermidades mentais 

 As enfermidades mentais representan unha importante carga para os pacientes que as padecen e para as súas familias. Na súa inmensa maioría, aparecen en idades produtivas da vida, tendo un alto impacto social en termos de taxa de desemprego, absentismo laboral e perda de produtividade no traballo. 

 A Organización Mundial da Saúde (OMS) estima que unhas 700 millóns de persoas no mundo padecen enfermidades mentais e neurolóxicas. Polo tanto, son enfermidades que padece unha gran parte da poboación; é máis, o 25% dos españois sofre alomenos un trastorno mental ao longo da súa vida. 

 O tratamento das enfermidades mentais precisa dunha abordaxe global que inclúa atención médica, farmacolóxica, psicoterapéutica e familiar; pode levar unha vida autónoma igual que calquera outra persoa que padece outro tipo de enfermidade crónica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario