Nova cartografía provincial actualizada
O Instituto Xeográfico Nacional actualiza o mapa da provincia de Pontevedra
• O novo mapa oficial xa está á venda en formato papel e pode descargarse gratuitamente da web
Infogauda / Pontevedra
A provincia de Pontevedra dispón dun novo mapa oficial, editado polo Instituto Xeográfico Nacional (IGN) a escala 1:200.000 e que recolle as últimas novidades, principalmente en materia de infraestruturas e núcleos de poboación, axustándose así aos cambios no territorio. A versión actualizada, que foi presentada ao subdelegado do Goberno, Abel Losada, xa está dispoñible tanto en formato papel como para a súa descarga en liña. O Instituto Xeográfico Nacional ten encomendada a elaboración das series institucionais dos mapas provinciais e autonómicos de toda España.
O responsable do IGN en Galicia, Pablo Carballo, e a xefa da área de Fomento da Delegación do Goberno, Ana Quintairós, explicaron a Abel Losada que periodicamente prodúcese unha actualización do mapa oficial, que, á súa vez, serve de base para a elaboración doutros mapas, tanto especializados como de uso comercial. “A cartografía é un proceso que, contrariamente ao que se poida pensar, é moi dinámico e require de axustes permanentes”, afirmou o subdelegado, que agradeceu a entrega de varios exemplares do novo mapa á Subdelegación.
O mapa actualizado da provincia de Pontevedra está dispoñible en papel na tenda da Casa do Mapa do Instituto Xeográfico Nacional na Coruña ao prezo de 6 euros, pero é descargable en formato PDF na web do Centro Nacional de Información Xeográfica, onde tamén poden consultarse mapas en formato imaxe, vectorial e datos topográficos do territorio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario