Vitrasa continúa negándose a chegar a acordos que permitan actualizar o convenio
O comité convocará unha asemblea para acordar novas mobilizacións caso de non conseguir avances na xuntanza prevista para o día 27 de agosto
Infogauda / Vigo
O vindeiro día 27 de agosto celebrarase, a proposta de Vitrasa, unha nova xuntanza entre o comité e a dirección da empresa. Desde o comité denuncian que até o de agora a concesionaria do servizo de transporte urbano de Vigo mantivo unha posición inmobilista que impediu chegar a acordos para actualizar o convenio. Por iso, o comité convocará unha asemblea de traballadoras e traballadores para acordar mobilizacións, caso de que non se produzan avances, coincidindo co novo curso escolar.
O pasado 11 de marzo o Comité de Empresa e a dirección de Vitrasa chegaron a un acordo que permitía paralizar os 108 días de folga e retomar as negociacións dun convenio caducado a finais do ano 2020.
Vitrasa aludindo unha redución da súa capacidade económica debida á perda de viaxeiros, negouse a chegar a acordos que permitisen renovar o convenio e mesmo chegou a expor unha inaplicación do mesmo, o que suporía rebaixar o salario dos traballadores nun 30%. Todo isto fixo que o persoal da concesionaria do transporte urbano de Vigo comezase unha folga o 25 de novembro que finalizou o 11 de marzo.
Posición inmobilista malia a inxección económica
Tras 5 meses de negociación, unha compensación xa recibida de case 6 millóns de euros e o novo reequilibrio de máis de 12 millóns, anunciado desde hai meses polo alcalde de Vigo e que o pasado mes de xullo xa se incluíu nas contas do Concello, Vitrasa continua negándose a chegar a acordos que permitan actualizar o caducado convenio colectivo. Para o comité o resumo desta situación é que “cunha inxección de 18 millóns de euros do Concello de Vigo, Vitrasa di que necesita máis diñeiro para asumir unha negociación cos seus traballadores”.
Durante este período de paz social a postura de Vitrasa foi inmobilista e totalmente contraria á negociación, pretendendo manter unha perda do poder adquisitivo aos seus traballadores de máis do 14% e eludir as melloras sociais reivindicadas polo persoal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario