14 de xuño de 2024

NIGRÁN

Xunta Local de Seguridade 

A unidade de drons “Pegaso” da Garda Civil participará no dispositivo de seguridade da noite de San Xoán, en Nigrán  

A Benemérita intensificará os controis de tráfico para previr a condución baixo os efectos do alcol ou as drogas 

 

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, copresidiu a Xunta Local de Seguridade acompañado do tenente de alcalde de Nigrán, Rubén Rial
Foto: S. de G.


Infogauda / Nigrán   

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, copresidiu a Xunta Local de Seguridade acompañado do tenente de alcalde de Nigrán, Rubén Rial. Na xuntanza, participaron tamén o coronel xefe da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal; a xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero; así como responsables da Policía Nacional, Policía Local e Protección Civil, entre outras autoridades.  

 No encontro presentouse o dispositivo de seguridade para as celebracións de San Xoán no que a Garda Civil e a Policía Local levarán a cabo un operativo conxunto para garantir a seguridade durante as tradicionais cacharelas dos días 23 e 24 de xuño.  Como novidade, o Concello está a facer este ano un esforzo para previr que se realicen buratos na area e facilitar así a posterior recuperación do areal. Para iso haberá controis específicos nos accesos á praia.  

 Abel Losada destacou que o operativo de vixilancia contará co traballo da Garda Civil en todos os accesos a Nigrán. Neste senso, incorporarase a unidade drons do equipo “Pegaso” da Benemérita para reforzar, dende o aire, o dispositivo preventivo e de vixilancia. Ademais, o Subsector de Tráfico disporá de varios dispositivos de control móbil de consumo de alcol e drogas. No ano pasado sancionáronse 58 positivos ao volante. 

 Pola súa banda, a Policía Local levará a cabo o control e patrulla das zonas de maior concentración de persoas para garantir a seguridade de todas e todos os asistentes.  Tamén anticipou que se colocará un “punto violeta” para prevención de violencias machistas. 

Plan Director para a Convivencia e a Seguridade na Contorna dos Centros Educativos

 Por outra banda, Abel Losada deu conta dos resultados do Plan Director para a Convivencia e a Seguridade na Contorna dos Centros Educativos, é dicir, o programa de sesións formativas da Garda Civil e da Policía Nacional para o alumnado, nais e pais e profesorado. Durante o ano pasado participaron nesta iniciativa 38.000 persoas na provincia, pero a Subdelegación do Goberno desexa incrementar o número de nais e pais que solicitan charlas específicas ao obxecto de formarse na protección dos seus fillos e fillas diante das ameazas da delincuencia, tanto a través das tecnoloxías dixitais como de maneira física. A este respecto, a Subdelegación celebrou recentemente unha xuntanza con tódalas ANPA da provincia para animalas a solicitar estas actividades a comezos do próximo curso. Ao mesmo tempo, está invitando aos concellos a liderar estas convocatorias agrupando a tódalas ANPA de cada municipio para a realización de actividades conxuntas nun local municipal co maior número posible de proxenitores. 

Sistema VioGén

 Asemade, o subdelegado do Goberno pediu ao Concello de Nigrán que se incorpore ao sistema VioGén para que a Policía Local colabore tamén na protección das vítimas de violencia de xénero. A este respecto recordouse que xa son 17 os concellos da provincia adheridos. No municipio de Nigrán hai un total de 20 mulleres dadas de alta no sistema de alerta e está rexistrada tamén a presencia doutros 20 agresores. 

Normativa vixente en materia de autorización de espectáculos pirotécnicos

 Finalmente, o subdelegado informou polo miúdo sobre a normativa vixente en materia de autorización de espectáculos pirotécnicos ao obxecto de optimizar a seguridade nos festexos locais. A este respecto explicouse que se se utilizan ata 50 Kg de material pirotécnico debe notificarse á Subdelegación cunha antelación de 10 días. Para cantidades de ata 100 Kg debe, ademais, presentarse un plan de seguridade. Finalmente, se se utilizan máis de 100 Kg de explosivos é preceptivo non só notificalo con 15 días de antelación, senón que, ademais, é obrigado obter a autorización expresa da Subdelegación do Goberno. En tódolos casos, debe, ademais, disporse de toda a documentación establecida polo Regulamento de Artigos Pirotécnicos. O Concello indicou que tódolos espectáculos deste tipo manexan menos de 50 Kg. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario