Orpagu e ABANCA estreitan lazos para mellorar o financiamento e a modernización da frota pesqueira
● O novo acordo inclúe unha variedade de solucións de crédito adaptadas para abordar os principais desafíos do sector
● Destacan produtos como a hipoteca naval, que permitirá aos palangreiros contar con barcos máis modernos, eficientes e respectuosos co medio ambiente
Mar Bermúdez / A Guarda
A Organización de Palangreiros Guardeses vén de renovar a súa tradicional colaboración con ABANCA mediante a firma dun novo acordo financeiro. Esta alianza permitirá aos máis de 70 barcos asociados acceder a servizos deseñados especificamente para as súas necesidades, sempre en condicións favorables.
O acordo foi asinado hoxe na Guarda polo presidente da Organización de Palangreiros Guardeses, Joaquín Cadilla, e a directora de zona de ABANCA en Vigo sur, Ángela Rodríguez Miguens. No acto de firma tamén estiveron presentes o director de ABANCA Mar, Javier Fraga; o director da oficina na Guarda, Juan Jesús González, e a directora xerente da organización pesqueira, Juana Parada.
O novo acordo inclúe unha variedade de solucións de financiamento e crédito adaptadas para abordar os principais desafíos do sector. Destacan produtos como a hipoteca naval, deseñada para a construción, compra ou reparación de embarcacións, que permitirá aos pescadores contar con barcos máis modernos, eficientes e respectuosos co medio ambiente, pero que tamén ofrezan mellores condicións de habitabilidade a bordo.
Do mesmo xeito, o convenio promove tamén outros produtos específicos para realizar investimentos sostibles e de mellora da eficiencia enerxética, así como opcións flexibles a medida do sector para financiar as necesidades de liquidez das empresas ou para anticipar axudas públicas ou o pago de impostos. Ademais, o convenio contempla unha liña de comercio exterior para satisfacer as necesidades de crédito das embarcacións que operan en augas internacionais.
Outro dos puntos relevantes do acordo é o acceso ás liñas de financiamento oficial que a entidade ten subscritas con diversos organismos públicos nacionais. Todo isto sen esquecer o acceso ás vantaxes que ofrece o Programa Servizos ABANCA, que permite aforrar no pagamento dos servizos bancarios máis habituais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario