1 de xuño de 2024

A GUARDA

Angie Leis recibe o premio literario “Gómez Alfaro” de mans da familia do escritor   

É o segundo galardón que recibe a moza da Organización de Palangreiros Guardeses xa que en 2023 alzouse coa vitoria no concurso de carteis da Festa do Peixe Espada  

O xornalista Xosé Antón García Ferreiro, en representación dos membros do xurado, felicitou á escritora e valorou a calidade artística de “O titán azul”.  


Angie Leis - no centro - con súa nai, seu irmán e os avós maternos; familiares do poeta Xosé Carlos Gómez Alfaro; membros do xurado do certame literario; o concelleiro de Cultura e Deportes do Concello de A Guarda; membros do xurado e directivos de ORPAGU 
Foto: Mar Bermúdez


Mar Bermúdez / A Guarda 

 A lectura do traballo “O titán azul”, de Angie Leis, por parte do xornalista Xosé Antón García Ferreiro foi seguido con emoción e recompensado polos aplausos dos asistentes á entrega do premio do certame literario “Homes e Mulleres do Mar. Premio Gómez Alfaro”, un concurso literario para estudantes de toda Galicia, de entre 10 e 12 anos de idade, orientado a promover  a literatura en galego e ao que este ano concorreron unha vintena de escolares. 

 Angie Leis, que o ano pasado gañou o concurso de deseño do cartel da Festa do Peixe Espada, narra no seu relato gañador a vida de Mariña, unha nena da Guarda e a súa relación co mar a través dos anos e dos seus seres queridos. Ao longo de catro folios, a moza describe con mestría “o amor ao mar, o sacrificio das mareas, os naufraxios, a tradición…” E todo iso cun xiro final inesperado que pon o broche a un traballo “moi ben narrado e estruturado”, segundo valorou o xurado. 


A viúva e o fillo do escritor Gómez Alfaro entregaron a Angie Leis o galardón do concurso organizado por Orpagu 

Yurena, Angie e seu irmán, posando cos seus galardons

 O premio literario impulsado pola Organización de Palangreiros Guardeses leva o nome do escritor Xosé Carlos Gómez Alfaro, profesor de Ensino Secundario no Colexio Padres Somascos, de A Guarda, localidade na que viviu ata o seu falecemento. Licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, Gómez Alfaro foi un recoñecido escritor, poeta e articulista en varios medios de comunicación. Como poeta deuse a coñecer en 1969 cunha obra en castelán, “De rodillas”, publicada na Editorial CLA en Bilbao, pero toda a súa obra posterior foi en galego. 

 A gañadora do certame recolleu os seus premios -unha tableta, un trofeo e un lote de libros- na sede dos palangreiros guardeses nun acto que contou coa participación da familia de Gómez Alfaro e do concelleiro de Cultura e Deportes do Concello de A Guarda e amigo persoal do escritor falecido, Celso Rodríguez Fariñas, así como doutros participantes no concurso que recibiron un diploma. 

 Por parte de Orpagu participaron no evento Tolín Verde, da xunta directiva, e Juana Parada, directora xerente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario