16 de maio de 2024

TURISMO

Luis López avanza a creación dunha aplicación móbil de realidade aumentada sobre as Rías Baixas para aproveitar as oportunidades turísticas das novas tecnoloxías 

 O presidente provincial, acompañado pola vicepresidenta Luisa Sánchez e os deputados Nava Castro e Jesús Vázquez Almuíña, inaugurou a sexta edición da xornada TurisTIC para analizar, cos profesionais do sector, a importancia da xestión de datos 


Luis López Diéguez, presidente da Deputación de Pontevedra na apertura da sexta xornada de TurisTIC
Foto: Rafa Estévez

Infogauda / Baiona

 O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López Diéguez, anunciou este xoves un novo avance en materia de turismo para a provincia relacionado coas novas tecnoloxías na apertura da sexta xornada de TurisTIC consistente no lanzamento dunha aplicación móbil de realidade aumentada ambientada nas Rías Baixas. Trátase dun xogo de realidade aumentada que poderán descargar os usuarios para, a través da xeolocalización, percorrer diferentes rutas pola provincia e ir colleitando obxectos virtuais que logo poderán intercambiar por recompensas reais nas oficinas de Turismo Rías Baixas. “É un novo incentivo para lanzarse a descubrir os tesouros que agocha o noso territorio e un xeito moderno e divertido de diversificar a nosa oferta”, explicou o mandatario provincial as razóns desta aposta tecnolóxica que sairá a luz proximamente.  

 Non é o único avance posto en marcha pola Deputación neste eido, o presidente falou tamén doutras dúas iniciativas aprobadas recentemente. Por un lado, un asistente conversacional para a páxina web de Turismo Rías Baixas que mellorará a atención aos usuarios e a xestión de datos a través dun investimento superior aos 200.000 euros. Por outro lado, o dirixente informou tamén que o ente provincial participa nun proxecto nacional chamado “Praias Infinitas” que busca explotar os areais das Rías Baixas como escenarios para observar as estrelas ou organizar actividades de ocio para as familias. “As Rías Baixas son un destino único porque nun territorio tan pequeno en extensión como a nosa provincia, temos unha oferta turística de enorme calidade. Pero esta industria é como o seu público: dinámico, áxil e cambiante. Polo que é imprescindible estar preparados para estes cambios”, contextualizou o presidente provincial.  

 Acompañado pola vicepresidenta Luisa Sánchez, a deputada de Turismo, Nava Castro; e o deputado e alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña; o titular da Deputación foi o encargado de inaugurar a sexta edición da xornada TurisTIC. Un evento impulsado polo organismo provincial que ten como obxectivo analizar e informar aos integrantes do sector turístico das oportunidades que ofrece o uso das tecnoloxías da información para o destino. Este ano, o programa incluíu dúas mesas redondas e unha conferencia que xiraron arredor da importancia dunha correcta xestión de datos, tanto no ámbito público como no privado.  Luis López na apertura da sexta xornada de TurisTIC.  

 A deputada de Turismo, Nava Castro, foi a encargada de pechar o acto. Neste sentido, sinalou que “ninguén pode poñer en dúbida a utilidade e enormes beneficios da xestión de datos para o sector turístico. Grazas a eles podemos coñecer como actúan os turistas unha vez chegan ao noso destino, por onde se moven, ou cales son as súas preferencias; tamén permiten enviar aos turistas ou potenciais visitantes as mensaxes correctas no momento preciso. Pero debemos ter en conta que non se trata unicamente de recompilar datos, hai que traballalos para que as análises, as conclusións e as respostas sexan realmente útiles e valiosas”.  

 O presidente da Deputación, pola súa banda, destacou a importancia de organizar eventos deste tipo para tender pontes entre a administración e o sector privado para construír un destino moderno e de calidade. “Xornadas como TurisTIC son a demostración de que a Deputación de Pontevedra ten un plan para o turismo na nosa provincia. Sabemos onde queremos chegar: a ser un destino único en paisaxe, único en experiencias e único en calidade; sabemos que temos que ofrecer: sustentabilidade, tecnoloxía e novos produtos turísticos; e sabemos con quen queremos facelo: co sector turístico da provincia. Aquel que nos fai ser a provincia de España con maiores selos de calidade do SICTED”, afirmou López.  

 Despois de agradecer ao Concello e ao Parador de Baiona por acoller esta xornada, así como a participación aos profesionais do sector nesta sexta edición de TurisTIC, Luis López reafirmou o compromiso da Deputación de colaborar co sector privado para construír unha provincia máis competitiva e o deber de “protexer e potenciar” un destino turístico como as Rías Baixas que é “un paraíso”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario