30 de maio de 2024

O ROSAL

O Rosal, cidade saudable  

O Concello vén de adherirse á Rede Española de Cidades Saudables, un programa da FEMP coordinada co Ministerio para impulsar a promoción da saúde e do benestar   




Infogauda / O Rosal 

 O Rosal dá un paso máis no seu compromiso coa calidade de vida da súa veciñanza. O Concello acaba de adherirse á Rede Española de Cidades Saudables (RECS), un programa da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) coordinado co Ministerio de Sanidade para impulsar a promoción e protección da saúde e do benestar da cidadanía dende o local seguindo os principios do proxecto ‘Healthy Cities’ da Organización Mundial da Saúde. 

 Como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, esta adhesión “supón un novo avance na estratexia do Goberno municipal por promover un concello máis saudable para os nosos veciños e veciñas impulsando un municipio máis sostible, transitable, seguro, respirable, participativo, equitativo e solidario, no que todas e todos podamos coidar e coidarnos”.  

 Esta Rede aglutina a máis de 500 cidades e medianos e pequenos concellos e un total de 25 millóns de habitantes, máis do 50% da poboación española. O seu obxectivo é traballar de forma conxunta en materia de promoción e protección da saúde, consolidando unha rede de colaboración intersectorial e interinstitucional, un bo punto de partida co que o Goberno municipal do Rosal busca seguir construíndo unha vila comprometida co benestar social “con novos espazos de estancia, convivencia e lecer, tendo sempre presente o coidado do medio ambiente, a cohesión social e centrado tamén en todos os eidos do Concello, como a educación, o deporte ou a cultura”. 

 Con esta adhesión á Rede Española de Cidades Saudables o Concello do Rosal poderá acceder a financiamento supramunicipal para desenvolver toda unha liña estratéxica baseada na calidade de vida e na promoción da saúde. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario