30 de maio de 2024

O ROSAL

O Rosal aprobará en pleno a creación da Eurocidade da Foz do Miño  

Será na sesión plenaria que se celebrará este xoves ás 20.30 horas no Concello 

  

Casa do Concello do Rosal
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal  

 No camiño por afondar e formalizar os lazos de amizade e cooperación transfronteiriza entre O Rosal, A Guarda e Caminha, o Concello rosaleiro aprobará este xoves 30 de maio a declaración de interese que senta os vimbios da Eurocidade da Foz do Miño. Será na sesión plenaria que se celebrará no salón de plenos ás 20.30 horas, á que o Goberno municipal levará este documento consensuado que recolle os puntos esencias para a creación deste futuro espazo de colaboración entre os tres concellos.  

 Seguen a darse pasos así na formalización dunha ferramenta que permitirá reafirmar relacións entre os tres municipios transfronteirizos, “promovendo a converxencia institucional, económica, social, cultural e ambiental e impulsando a posta en marcha de servizos comúns como instrumentos dinamizadores da convivencia entre poboacións que xa manteñen unha estreita relación. Continuamos traballando para sentar as bases dun proxecto de futuro en común”, como destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.  

 Dividido en catro puntos, o documento comeza por definir o obxecto da futura Eurocidade e a súa finalidade para no seu segundo punto enumerar os obxectivos da Declaración, que consta de 16 puntos bastante amplos que deixan aberta a posibilidade de incluír outros aspectos que poidan ser considerados necesarios máis adiante.  

 No terceiro punto especifícanse as áreas de intervención, que abranguen Cultura, Deporte, Turismo, Desenvolvemento Municipal, Recursos Humanos, Educación, Política Social, Medio Ambiente e Gastronomía, entre outros que poidan indo revelándose como oportunos ao longo do proceso. Pola súa banda, o cuarto punto establece as finalidades da futura Eurocidade da Foz do Miño.  

Plan Sectorial Eólico de Galicia e apoio ao pobo palestino 

 Xunto coa aprobación da declaración de interese da futura Eurocidade entre O Rosal, A Guarda e Caminha, o Goberno municipal aprobará en pleno solicitar á Consellería de Economía e Industria a retirada inmediata das áreas de desenvolvemento que afectan ás serras da Groba e do Argalo, do Plan sectorial eólico de Galicia, unha moción presentada pola Asociación Forestal e de Educación Ambiental A Jalleira e recollida por Alcaldía.  

 Este plan contempla cinco parques eólicos nunha zona que xoga un importante papel na sostibilidade do territorio, cunha gran cantidade de hábitats e especies de interese comunitario e de gran valor patrimonial, paisaxístico, xeolóxico, social, etnográfico e económico. Ademais do rexeitamento social, os proxectos eólicos propostos para esta zona (O Rosal, Merendón, Torroña I, Torona, Toroña III e Albariño) presentan importantes deficiencias nos Estudos de Impacto Ambiental e causarían un impacto irreversible nos valores medioambientais, paisaxísticos e arqueolóxicos, como salientan varios informes. 

 Por outra banda, o Concello tamén amosará a súa solidariedade co pobo palestino dando luz verde a unha moción presentada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e recollida por Alcaldía. Despois de 75 anos de conflito e tras os acontecementos dos últimos meses, o Goberno municipal amosa o seu máis firme rexeitamento aos ataques terroristas de Hamás contra Israel e á declaración de guerra de Israel contra a Faixa de Gaza, que está a causar miles de mortes entre a poboación civil e unha catástrofe humanitaria sen precedentes.  

 O Concello instará a ambas partes a poñer fin a esta situación, ao recoñecemento do dereito de autodeterminación do pobo palestino para unha paz xusta e duradeira e ao Goberno de España a sumarse e prestar o seu apoio á demanda interposta por Sudáfrica contra Israel ante a Corte Internacional de Xustiza por delito de apartheid e que esixa o cumprimento das medidas cautelares que obrigan Israel a deter o xenocidio da poboación palestina. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario