30 de maio de 2024

A GUARDA

O GOBERNO DO PP E FARIÑAS VOTAN EN CONTRA DA SENDA PEONIL ENTRE A GUARDA E CAMPOSANCOS  

Anxo Lois Baz (BNG): “Imos seguir defendendo a senda peonil da man da sociedade na rúa e nas institucións,  para  que non  quede nunha  promesa incumprida máis”  


Anxo Lois Baz Vicente, portavoz do BNG no Concello de A Guarda


Infogauda / A Guarda

 “No pleno celebrado no día de onte o PP de Carrero e o seu socio Fariñas votaron en contra da proposta do BNG de esixir á Xunta de Galiza a realización da senda entre Camposancos e A Guarda”. Ese é o resumo que vén de facer Anxo Lois Baz Vicente, portavoz do BNG no Concello de A Guarda.

 Na súa intervención diante da corporación municipal, Anxo Lois Baz recordou que “as repetidas promesas do PP desde o ano 2017 non se concretaron en nada” e aseverou “non imos ser tan incautos como para empezar a  crelas agora. Non estamos dispostos a que pase coa senda entre Camposancos e A Guarda o mesmo que pasa co vial entre A Guarda e Tui. Máis de 20 anos de promesas e o vial non dá pasado de Goián”. 

 O concelleiro nacionalista afeoulle a actuación ao goberno municipal neste asunto e fixo fincapé en que “a verdadeira intención do goberno do PP e Fariñas xa se puxera  de manifesto no momento en que renunciaron aos fondos que había para a construción da senda peonil A Guarda- Camposancos no plan de  sostibilidade turística,  que  como mínimo, serviría para iniciar a obra e que foron desviados a outros cometidos”.  

 O voto en contra do PP e de Fariñas -concluíu o nacionalista-  debe alertarnos  de que corremos o  perigo de quedarnos sen senda si non pelexamos por ela con convicción. Por iso desde o BNG imos seguir defendéndoa da man da sociedade  na rúa e  nas institucións,  para que non quede nunha promesa incumprida unha vez máis”.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario