29 de maio de 2024

DEPORTES

BALONMAN FEMININO

O Mecalia Atlético Guardés termina a liga en sexta posición tras caer ante a Aula (22-25) 

O Mecalia, que necesitaba unha vitoria na prórroga, non conseguiu chegar ao tempo extra ante ao equipo valisoletano 

Elena Amores foi a máxima anotadora do equipo local con 5 goles 


O Mecalia Atlético Guardés termina a tempada 2023/24 na sexta posición
Foto: M.A.G.


Redacción Deportes/ A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés afrontaba o seu último partido da tempada 2023/24 cun obxectivo dobre: lograr unha vitoria nos primeiros 60 minutos e outra na prórroga. Só así se aseguraba a quinta praza, a mesma que conseguiu na liga regular. Con todo, o Caixa Rural Aula Valladolid frustrou as aspiracións do conxunto do Baixo Miño, que caeu no último partido do curso en casa (22-25). 

 Arrincou o encontro con dúas paradas de Míriam Sempere nos dous primeiros ataques da Aula, que golpeou despois cun contraataque executado por María O’Mullony. O Mecalia Atlético Guardés comezou bastante impreciso e o equipo rival penalizou con goles esas perdas, terminando os primeiros 5 minutos cun 0-3 en contra. Foi Pauli Fernández a que abriu a lata para o Mecalia Atlético Guardés, que foi despegando aos poucos no marcador.  

 Elena Amores e Itziar Martínez puxeron máis preto o empate, pero as valisoletanas continuaron dominando no marcador ante un conxunto do Baixo Miño que se atopaba desacertado, perdendo balóns en ataque. A diferenza no electrónico, de só un tanto no ecuador da primeira metade, foise ampliando a pesar da gran actuación que estaba a asinar Míriam Sempere baixo os paus. As perdas acumulábanse e Ana Cristina Teixeira Seabra decidiu pedir o primeiro tempo morto a 10 minutos de concluír a primeira parte. O cadro do Baixo Miño necesitaba corrixir erros para plantarlle cara ás valisoletanas.  

 O Mecalia Atlético Guardés volveu á pista con máis forza e, a pesar das exclusións de dous minutos a María Palomo (min. 23) e Cecilia Cacheda (min. 28), conseguiu reducir distancias cunha velocísima María Sancha na ofensiva. Con todo, a primeira parte terminou cun 9-12 favorable á Aula.  

 A segunda metade renovouse con gol da visitante O’Mullony, ao que respondeu rapidamente Cristina Cifuentes nuns 7 metros. A ex capitá da Aula foi determinante para manter ao Mecalia Atlético Guardés conectado ao partido. Con todo, o equipo visitante continuou dominando nos primeiros 10 minutos da segunda parte. Cun 13-19 no marcador, Ana Cristina Teixeira Seabra solicitou tempo morto.  

 Carmen Sanz frustrou varios lanzamentos do cadro do Baixo Miño, que volveu á pista cun sistema defensivo 5-1, con Ania Ramos como xogadora adiantada. Aos poucos, o Mecalia Atléti co Guardés foi reducindo distancias ata poñerse a tres (16-19). Foi entón cando Miguel Ángel Peñas pediu tempo morto.  

 O equipo dirixido por Ana Cristina Teixeira Seabra non se deu por vencido en ningún momento e apertou nos últimos 10 minutos, logrando poñerse só a dous tantos do empate. Con todo, nos compases finais, a vitoria afastábase cada vez máis. A dous minutos do final, o Mecalia Atlético Guardés necesitaba remontar tres goles ante un equipo que non estaba a cometer erros.  

 Finalmente, o Mecalia Atlético Guardés non foi capaz de darlle a volta ao partido e caeu por 22-25 ante o Caja Rural Aula Valladolid. Con esta derrota, o equipo do Baixo Miño termina a tempada 2023/24 na sexta posición.  

FICHA TÉCNICA  

Mecalia Atlético Guardés (9+13): Miriam Sempere (p.),  Elena Amores (5), Cecilia Cacheda (1), María Palomo (2), Pauli Fernández (2), Cristina Cifuentes (2), Itziar Martínez (2), María  Sancha (2), Estela Carrera (p.), África Sempere (1), Ania Ramos (4), Andreza Almeida (1), Júlia Nuez, Venera Surjan e Carmen Magallanes.  

Caixa Rural Aula Valladolid (12+13): Carmen Sanz (p.), Elba Álvarez (3), Inoa Lucio (1), María O’Mullony (7), Marcela Arounian (4), Amaia González (4), Laura Bazco, Lorena Aide Tellez, Irene Botella, Teresa Álvarez (2), Martina Romero (4), Savina Bergara, Claudia Moreno, María Antón e Alba Badas.  Parciais: 0-3; 3-5; 6-7; 6-10; 8-11; 9-12 (descanso); 11-15; 13-18; 15-19; 18-20; 20-24; 22-25 (final).  

Árbitros: Enrique Pérez González e Luis Díaz-Flores Gómez-Calcerrada. Amoestaron con tarxeta amarela a Marcela Arouniain (min. 9). Excluíron con dous minutos ás locais María Palomo (min. 23) e Cecilia Cacheda (min. 28); e ás visitantes Irene Botella (min. 26) e Amaia González (min. 40).  

Incidencias: Partido de volta da fase final polo quinto e o sexto posto da liga Guerreiras Iberdrola, disputado no Pavillón Municipal da Sangriña.

Ningún comentario:

Publicar un comentario