8 de maio de 2024

O ROSAL

Sesión dobre con Abraham Cupeiro no auditorio municipal do Rosal   

 Tras o éxito de acollida do concerto que se celebrará o sábado 11 ás 20.30 horas, Agrupación Musical do Rosal abre a reserva para un segundo pase ese mesmo día ás 22.00 horas   




Infogauda / O Rosal   

 A Agrupación Musical do Rosal celebra o seu 38 aniversario por todo o alto co concerto dun artista internacional convidado: Abraham Cupeiro e o seu ‘Pangea’, un espectáculo co que xa percorreu os mellores teatros e auditorios de todo o mundo. Este sábado 11 de maio, Cupeiro estará acompañado pola Agrupación Musical do Rosal para levar ao escenario do auditorio municipal unha viaxe polos cinco continentes que transportará ao público a lugares fascinantes onde soan as ‘caracolas’ de Oceanía, os ‘hulusi’ de China, a frauta ‘peule’ de Senegal, a ‘gaita búlgara’, a ‘zurna’ e as milenarias ‘cornas’. 

 E tras a grande acollida do concerto que o artista dará ás 20.00 horas, con todas as entradas esgotadas e o aforo completo, a Agrupación Musical do Rosal celebrará o mesmo sábado unha segunda sesión ás 22.00 horas en caso de haber demanda. As persoas interesadas en asistir a este novo pase poden reservar a súa entrada na lista de agarda aberta enviando unha mensaxe de WhatsApp ao 609 866 792. As entradas teñen un custe do 6€ para persoas socias e de 8€ para público xeral. 

 Abraham Cupeiro, sempre curioso e emprendedor, construíu en 2006 unha trompeta barroca do século XVIII. Pouco despois, inspirado na imaxe dunha moeda romana, reconstruíu outro tipo de trompeta chamado Karnyx, un instrumento celta da Idade do Ferro. Máis tarde recuperou a corna, instrumento ancestral da tradición galega e, así, pouco a pouco, foi estudando outro tipo de instrumentos de vento e fabricándoos en boa parte ata reunir unha colección de máis de 200 de diferentes épocas.  

 Cupeiro combina a construción coa interpretación, de onde xurde a idea de preparar e organizar unha exposición con boa parte destes instrumentos no seu espectáculo ‘Pangea’, que xa se leva exhibindo con distintas bandas e coas mellores orquestras sinfónicas.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario