O Rosal conta cun novo vehículo con plataforma elevadora que mellorará servizos esenciais
• O Concello renova o seu parque móbil cunha grúa que facilitará o mantemento do alumeado público ou de vías e obras
O Concello do Rosal vén de actualizar o parque móbil municipal coa incorporación dun novo vehículo con plataforma elevadora que substitúe ao empregado ata o momento e que presentaba o deterioro propio da súa antigüidade. O Concello investiu 78.000 euros de fondos propios en adquirir esta grúa que permitirá mellorar servizos esenciais para a veciñanza, como o mantemento do alumeado público ou de infraestruturas viarias ou doutros equipamentos municipais.
Como salienta o concelleiro de Vías e Obras, Germán Fernández, con este novo vehículo “damos un paso máis no traballo por mellorar a atención dos diferentes servizos públicos renovando os vehículos cos que conta o Concello, incorporando novos modelos para adaptarnos ás necesidades que van xurdindo ou actualizando aqueles que presentan un maior desgaste polo uso”.
A grúa conta cunha altura de máis de 13,5 metros que permite o seu manexo para realizar traballos de difícil acceso, aos que as plataformas normais montadas en vehículos non poden chegar. Unha altura moi superior a que se viña empregando ata o de agora que permitirá alcanzar practicamente todas as luminarias públicas e realizar o seu mantemento con recursos municipais ao 100%.
O vehículo conta cun brazo articulado e telescópico, que dota á plataforma dunha gran versatilidade en manobras que requiran superar obstáculos en altura, e cunha cesta fixada ao brazo de forma frontal para unha maior liberdade de movementos en altura. O seu peso e dimensións fano ademais idóneo para un mellor comportamento fóra da estrada e permite un número importante de configuracións con importantes capacidades de carga.
Ningún comentario:
Publicar un comentario