30 de maio de 2024

A GUARDA

Os Socialistas da Guarda sacan adiante unha moción para realizar o ancheamento do 1º Transversal Salgueiró, en Camposancos. 

O Partido Socialista da Guarda, que leva moitos anos traballando no ancheamento de rúas e camiños, especialmente nas parroquias de Salcidos e Camposancos, desexa seguir contribuíndo a esta causa desde a oposición. 


Estado actual do 1º Transversal Salgueiró, unha rúa que nalgún tramo non chega aos 1,80 m de ancho


Grupo Municipal do PSdeG-PSOE / A Guarda

 Grazas á colaboración dunha familia campusina que cederá unha parte do seu terreo, o Concello da Guarda terá a posibilidade de anchear o 1º Transversal Salgueiró, unha rúa que nalgún tramo non chega aos 1,80 m de ancho.   

 O Partido Socialista da Guarda defendeu onte no pleno ordinario de maio unha moción que saíu aprobada e a través da cal o actual equipo de goberno se compromete a iniciar as negociacións cos/as propietarios/as e, unha vez feita a cesión, levar a cabo as obras para o ancheamento desta vía.  

 Aínda en oposición, queremos seguir contribuíndo a que todos os veciños e veciñas da Guarda teñan as mesmas oportunidades, e para iso é necesario que, independentemente do punto da vila no que residan, podan ser asistidos/as en casos de emerxencia, ademais de reducir as posibilidades de danos nos seus vehículos.   

 A portavoz municipal, Fátima Rodríguez, e a vogal socialista na Entidade Local Menor, Luz Alonso, agradecen enormemente a Sonia e Frank a súa colaboración para facer posible o ancheamento deste camiño en Camposancos.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario