31 de maio de 2024

A GUARDA

As alfombras florais do Santísimo  

Esta fin de semana chega unha cita de gran tradición na vila de A Guarda 


Vista da praza do Reloxo, nun momento da procesión do Santísimo dunha edición precedente
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 Dende hai varias semanas persoas veciñas da Guarda, coa colaboración de xente doutras localidades da contorna, están traballando nos preparativos das alfombras florais, recollendo os materiais vexetais e flores, e picando grandes cantidades que van acumulando en caixas. Comezarán coa elaboración das alfombras florais este domingo e continuarán durante toda a mañá. 

 Os veciños están agrupados por tramos de rúa e as diferentes xeracións das familias traballan para continuar con esta tradición. Estas datas son moi especial para os nenos que se esforzan colocando os perfís dos debuxos ou colocando pétalos ou flores con moita paciencia. É importante que os rapaces participen na elaboración para que desta maneira a tradición continúe. Hai uns anos os responsables de cada tramo organizáronse e crearon a Asociación Cultural Alfombras da Guarda para pór en valor esta tradicional celebración. 

 A medida que avance o proceso de realización os deseños de cada tramo de alfombras iranse desvelando. Durante a mañá do domingo poderanse contemplar o proceso de elaboración das alfombras, incluída a alfombra de sal tinguida de cores, que dende hai décadas sorprende cos detalles dos seus deseños. 

 A praza do Reloxo, as rúas Oliva e Hernán Cortés, praza de Jose María Lomba, rúa Malteses, A Ribeira e tres tramos da rúa Concepción Arenal, é o percorrido das alfombras florais. 

 A misa na honra ao Santísimo comezará ás 18:00 horas, na igrexa parroquial de santa María, e despois a procesión, momento de especial emoción para todos os integrantes da Asociación Cultural Alfombras da Guarda  e veciños da localidade e visitantes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario