15 de abr. de 2024

TOMIÑO

Máis de 150 autocaravanas concéntranse en Tomiño na estrea da nova área do Seixo  

 Persoas de Galicia, Asturias, León e Portugal  gozaron dunha fin de semana chea de actividades para dar o pistoletazo de saídas a unha das poucas zonas habilitadas na comarca 

  

A alcaldesa de Tomiño, con membros da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tomiño, e usuarios da nova área de autocaravanas do Seixo
Fotos: C.T.
Vista da nova área de autocaravanas do Seixo


Infogauda / Tomiño

 Éxito absoluto da inauguración da nova área de autocaravanas do Seixo. Tomiño encheuse esta fin de semana de vida coas máis de 150 autocaravanas e máis de 250 persoas apaixonadas desta forma de viaxar de Galicia, Asturias, León e Portugal que se achegaron ata o municipio para desfrutar dunha fin de semana chea de actividades e coñecer de primeira man as novas instalacións postas en marcha polo concello no aparcadoiro da Rocha.  

 O Concello fixo esta instalación, a segunda de Tomiño tras a estreada o pasado verán en Goián, na súa aposta por favorecer “un modelo de viaxe alternativo que se ten incrementado moito tras a pandemia e que é un turismo respectuoso, que valora a contorna, desestacionalizado e que consume no comercio e na restauración local, como puidemos comprobar durante toda esta fin de semana no Seixo. Son áreas instaladas preto dos núcleos que nos permite ofrecer ás e aos visitantes estar cerca de lugares con todo tipo de servizos e que ao mesmo tempo enriquece visiblemente á economía local”, sinalaba a alcaldesa, Sandra González. 

 A rexedora amosou a súa ledicia ao ver como ducias de socios e socias da Asociación Galega de Autocaravanistas (AGA) se achegaron a Tomiño durante toda a fin de semana para desfrutar dunhas novas instalacións que conquistaron a todas e todos os usuarios, xa que “apenas hai zonas deste tipo da comarca e estas están nunha situación estupenda que merece moito a pena visitar”.  

 A zona de autocaravanas do Seixo conta con seis prazas sinalizadas e cos servizos necesarios para baleirar as augas grises de cociña e baño e as augas negras (WC), así como para o abastecemento de auga para poder encher o depósito e iluminación pública, axardinamento e arborado do perímetro. O Concello investiu 40.000 euros na posta en marcha deste espazo que sitúa ás e aos visitantes a menos de 5 minutos camiñando do núcleo do Seixo.  

 A alcaldesa felicitou unha vez máis á Asociación Galega de Autocaravanas pola súa implicación na posta en marcha das áreas de Goián e do Seixo, asesorando ao Concello sobre as necesidades das e dos usuarios, e pola súa participación activa para achegalas entre os seus socios e socias. Sandra González quixo agradecer ademais a colaboración da Comunidade de Montes de Tomiño, que xa cedera hai anos os terreos e a edificación situados onde está agora zona de autocaravanas do Seixo e que fora reformada como instalacións da Policía Local e de Benestar Social. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario