Campaña de control nas estradas convencionais ata o próximo domingo
Abel Losada alerta de que a velocidade está detrás dun 30% dos accidentes mortais que se producen nas estradas
• O subdelegado critica os intentos de facer partidismo coa seguridade viaria e lembra que o actual Goberno é o primeiro en dedicar máis fondos á conservación que á construción de novas estradas
Infogauda / Pontevedra
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, presentou esta mañá a campaña de control de velocidade impulsada pola Dirección Xeral de Tráfico (DXT) coa que se reforzará a seguridade viaria de aquí ao próximo domingo, día 21. A campaña, que incidirá especialmente nas estradas convencionais (as que dispoñen dun só carril en cada sentido) e nas vías urbanas da provincia, forma parte da programación anual da DXT e ten como obxectivo concienciar na necesidade de respectar os límites de velocidade. As estradas interurbanas concentraron o 74% dos accidentes rexistrados na provincia durante o primeiro trimestre de 2024.
Abel Losada explicou que esta campaña busca inculcar ás persoas usuarias das vías a estreita relación entre os excesos co acelerador e os accidentes e lembrou que aproximadamente o 30% dos sinistros mortais gardan relación directa coa falta de respecto aos límites. “Hai que adaptar a velocidade non só á normativa, senón tamén ás circunstancias da vía e ás condicións climatolóxicas, porque unha velocidade adecuada salva vidas”.
A campaña está coordinada pola Xefatura provincial de Tráfico de Pontevedra e empregará o máximo de medios posibles, co aviso, cando sexa posible, da existencia de controis a través dos paneis de sinalización variables e nas pantallas alfanuméricas dos vehículos da Agrupación de Tráfico situadas nas inmediacións. Na presentación, que se fixo a pé da N-550, Abel Losada estivo acompañado da xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero, e do capitán do Subsector da Garda Civil, Antonio Pérez Piteira.
Os controis, que velarán polo cumprimento dos límites xenéricos e específicos de velocidade, velocidade en adiantamento e distancias entre vehículos, reforzaranse naqueles tramos máis perigosos das estradas convencionais. Neste sentido, o subdelegado evidenciou a súa preocupación polos datos de sinistralidade viaria no que vai deste ano 2024, no que se levan rexistrados 1.435 accidentes e 10 vítimas mortais, “o que supón un importante reponte, superior ao 10% no caso dos sinistros e do 30% no caso dos falecementos”, advertiu. “Está sendo un comezo de ano preocupante”.
O 70% dos accidentes son en estradas autonómicas e locais
Abel Losada criticou a politización da seguridade viaria e o uso dos accidentes de tráfico como un arma de confrontación partidista. A este respecto subliñou que das 10 persoas falecidas en sinistros de tráfico na provincia no que vai de ano, 6 faleceron en estradas autonómicas, 3 en vías estatais e 1 nunha pista municipal. “Esas persoas, que están en cargos públicos de responsabilidade, que nestes días se esforzan tanto en tratar de focalizar na rede estatal todos os problemas de seguridade viaria da provincia deberían reflexionar sobre estes datos, xa que un 70% dos accidentes que se produciron no primeiro trimestre do ano aconteceron en estradas de titularidade autonómica, provincial ou municipal”, incidiu, antes de facer un “chamamento á sensatez”.
O subdelegado resaltou tamén o compromiso do Goberno de España co mantemento das estradas de titularidade estatal, lembrando que os Orzamentos Xerais do 2023 reservaron 1.400 millóns de euros para conservación. “O actual Goberno non só incrementa o importe, senón que é o primeiro en dedicar máis fondos á conservación que á construción de novas infraestruturas”, engadiu.
Insistiu Losada en que o deterioro dos firmes é froito dos recortes do Goberno de Mariano Rajoy. “Os pavimentos teñen unha vida útil duns 15 anos, polo que as fochancas de hoxe son o legado dos recortes do PP no pasado”, explicou. Recordou o subdelegado que o último orzamento do Goberno de Zapatero, en 2011, asignaba 1.079 millóns de euros para o mantemento das estradas, mentres que o último presuposto de Mariano Rajoy, no 2018, destinaba a este fin tan só 755 millóns de euros, o que supón unha redución do 25%. “Para reverter os recortes e recuperar o tempo perdido, o Ministerio de Transportes duplicou, desde 2018, as partidas para a conservación, pero vai levar un tempo”. E insistiu en que “independentemente do traballo de cada unha das administracións, a cooperación institucional é fundamental para acadar a meta compartida de mellorar a seguridade viaria, porque hai accidentes nas estradas de tódalas Administracións”.
Un 4% de infraccións na anterior campaña
A campaña que hoxe comeza é unha peza central da programación anual da Dirección Xeral de Tráfico. Os datos dos sete días de campaña do pasado ano, celebrada entre os días 17 e 23 de abril de 2023, amosan que os e as axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil realizaron un centenar de controis, rexistrando o paso de 27.105 vehículos. Do total de vehículos controlados, o 4% dos e das condutores foron denunciados por sobrepasar os límites.
Ningún comentario:
Publicar un comentario