21 de feb. de 2024

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra mantén ata o 29 de febreiro o prazo aberto para que as asociacións veciñais opten ao Plan Provincia Comunitaria, dotado cun millón de euros 

 A través deste programa o organismo provincial distribuirá ata 10.000 euros por entidade veciñal para que poidan adquirir equipamentos ou executar obras de acondicionamento, reforma e ampliación de locais sociais



O Plan Provincia Comunitaria vai dirixido a asociacións veciñais, confederacións, federacións, unións ou asociacións de mulleres rurais con domicilio fiscal na provincia
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 Última semana para que as asociacións de Pontevedra poidan optar ao Plan Provincia Comunitaria, que, dotado cun millón de euros, distribuirá ata 10.000 euros por entidade. Trátase dun programa que responde á vontade do Goberno de Luis López de emendar a inxustiza que supuxo a desaparición do Plan de Acción Comunitaria e para darlles resposta ás demandas dos colectivos veciñais, entidades clave no equilibrio territorial provincial.  

 O Plan Provincia Comunitaria vai dirixido a asociacións veciñais, confederacións, federacións, unións ou asociacións de mulleres rurais con domicilio fiscal na provincia, que se poderán beneficiar de contías que abranguen entre os 6.000 e os 10.000 euros. A través destes recursos as entidades veciñais poderán adquirir equipamentos (mobiliario, dispositivos informáticos, acústicos ou audiovisuais para desenvolver o seu traballo) ou executar obras de acondicionamento, reforma e ampliación de locais sociais, infraestruturas nas que desenvolven a súa actividade ou espazos destinados ao cumprimento dos seus fins. O prazo para solicitar as axudas deste plan remata o vindeiro xoves, 29 de febreiro, e as obras deberán estar rematadas en novembro.  

 A aposta da Deputación de Pontevedra polo tecido asociativo da provincia ascende este ano a dous millóns de euros, xa que, ademais do millón de euros que contempla o Plan Provincia Comunitaria, tamén se aprobou outro millón dirixido ás comunidades de augas de Pontevedra, o Plan +Aqua.

Ningún comentario:

Publicar un comentario