O Concello do Rosal pon en marcha un obradoiro para coidar ás coidadoras
• 15 mulleres de máis de 55 anos do Servizo de Dependencia participan en ‘Cultivando coidados’
Infogauda / O Rosal
O Concello do Rosal reafirma o seu compromiso co benestar das persoas coidadoras, recoñecendo o seu labor esencial nunha sociedade cada vez máis avellentada. Con este obxectivo, puxo en marcha o obradoiro ‘Cultivando coidados’, unha iniciativa dirixida a 15 mulleres maiores de 55 anos coidadoras de persoas dependentes que teñen concedido no programa de atención individualizado de Dependencia a libranza para coidados na contorna familiar.
“Con este obradoiro queremos subliñar a importancia de coidar á coidadora. O coidado das nosas e nosos maiores segue a recaer nas mulleres, mulleres anónimas que dedican o seu tempo e esforzo a atender a persoas dependentes e que merecen todo o noso apoio e recoñecemento. Esta iniciativa é unha mostra do noso compromiso para proporcionarlles as ferramentas necesarias para afrontar os desafíos que este labor implica”, resaltou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Durante os vindeiros tres meses, os martes pola tarde as mulleres coidadoras acudirán ao obradoiro de 17.00 a 19.00 horas, adaptándose así ás súas necesidades e creando un espazo de aprendizaxe e apoio que contribuirá ao seu benestar, así como no daquelas persoas ás que coidan.
Como sinala a alcaldesa, nun contexto no que son moitas mulleres as que seguen exercendo os labores de coidado e acompañamento das persoas dependentes “é esencial recoñecer o seu esforzo. Por iso dende o Concello queremos expresar a nosa profunda gratitude a todas aquelas mulleres invisibles que, día a día, fan posible que as nosas persoas maiores gocen dunha mellor calidade de vida”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario