19 de feb. de 2024

DEPORTES

 PIRAGÜISMO

TRES MEDALLAS PARA OS TEIXUGOS, NA XIV TAÇA IBÉRICA DE SLÁLOM  


Membros do Club Deportivo Miño-Teixugos na celebración da XIV Taça Ibérica de Slálom
En K1 veterano, Emilio Rodríguez gañou a proba, acadando a medalla de ouro
En K1 muller sénior, Laura Alonso subiu ao máis alto do podio, gañando o segundo ouro para o club

En C1 home sénior, Brais Castro fíxose coa medalla de prata

Informa (fotografías e redacción): Rosa Fernández Carrera            

 Esta fin de semana gran festa do slálom coa celebración da XIV Taça Ibérica de Slálom, en augas do río Coura, en Covas, Vilanova de Cerveira. A competición organizada polo Club Deportivo Miño-Teixugos, en colaboración coas federacións portuguesa e galega, contou con máis de 150 deportistas procedentes de España e Portugal. Acudiron representantes de tódolos clubs galegos e portugueses, pois era proba puntuable para a liga portuguesa e galega de slálom, aos que se uniron piragüistas de Asturias, Madrid e Castela León.              

 O sábado celebráronse as clasificatorias e semifinais cun circuíto fluído e rápido, sen demasiada dificultades; e o domingo, finais, cun percorrido máis técnico e complicado, e entrega de medallas.  Oito foron os participantes dos teixugos na proba, con grandes resultados.  

 En K1 home Infantil, Alejandro Barreiro foi décimo sétimo e  Leo Álvarez décimo noveno; en K1 home cadete, Brais Álvarez rematou vixésimo segundo e en K1 muller infantil, Nerea Álvarez quedou sexta e Leila Álvarez sétima.  

 En K1 veterano, Emilio Rodríguez gañou a proba, acadando a medalla de ouro. En K1 muller sénior, Laura Alonso subiu ao máis alto do podio, gañando o segundo ouro para o club. E en C1 home sénior, Brais Castro tamén destacou cunha gran baixada, e, co segundo mellor tempo, fíxose coa medalla de prata.  

 Dúas medallas de ouro e unha de prata, un gran balance para os teixugos nesta competición que crece ano a ano, na que, máis que medallas, se pretende a promoción e a potenciación deste fermoso e vistoso deporte que ano a ano vai gañando practicantes e popularidade. Dúas xornadas nas que predominou a deportividade e convivencia de deportistas de toda a península.  

 A semana que ven, nova cita co slálom, desta vez nas augas do Tea ao seu paso por Mondariz Balneario, onde terá lugar a 1ª Copa de España de Slálom.

Ningún comentario:

Publicar un comentario