11 de dec. de 2023

TUI

O delegado do Goberno reuniuse este luns co alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro 

Pedro Blanco confirma ao Concello de Tui o interese do Goberno en colaborar na posta en valor da catedral con motivo da conmemoración do seu 800 aniversario  

 Este acontecemento, que se celebrará o 1 de decembro do ano 2025, presenta unha oportunidade para promocionar e posicionar a cidade a nivel cultural e artístico 

 Os obxectivos principais desta celebración son resaltar o valor histórico e artístico da Catedral, fortalecer a súa importancia e a súa promoción e mellorar as condicións de conservación do monumento  


O delegado do Goberno, Pedro Blanco, mantivo unha videoconferencia esta mañá co alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro
Foto: D.G.

Infogauda / Tui  

 O delegado do Goberno, Pedro Blanco Lobeiras, mantivo unha videoconferencia esta mañá co alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, na que abordaron a conmemoración do 800 aniversario da consagración da catedral de Tui. Ambos coincidiron en sinalar este acontecemento, que se celebrará o 1 de decembro do ano 2025, como unha oportunidade para promocionar e posicionar a cidade a nivel cultural e artístico.   

 Pedro Blanco trasladou ao alcalde o interese do Goberno de España para impulsar este evento e traballar en conxunto co Concello de Tui para lograr o seu éxito e poñer en valor a catedral tudense como un fito histórico, artístico e turístico da Península Ibérica.   

 Os obxectivos principais que o Concello de Tui quere conseguir con esta celebración son resaltar o valor histórico e artístico da catedral, fortalecer a súa importancia e a súa promoción, así como mellorar as condicións de conservación do monumento. Ademais, tamén propón a celebración dun encontro entre os Gobernos de España e Portugal para resaltar a importancia da catedral na península ibérica.  No que respecta ao Camiño de Santiago, o Concello quere facer visible a condición da catedral de Tui como unha das principais localizacións do Camiño Portugués, dado que recibe anualmente máis de 120.000 peregrinos de múltiples nacionalidades.     

 En canto ás accións permanentes, preténdese renovar a iluminación exterior do monumento, eliminar o cableado que afea a contorna monumental e crear unha infraestrutura de apoio para os visitantes. Por outra banda, buscarase a presenza en Tui dunha exposición de "Las edades del Hombre" no ano 2026, así como o deseño dun espectáculo de luz como atracción cultural e turística e un congreso científico. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario