17 de nov. de 2023

TOMIÑO

Máis de 220 nenos e nenas participan de balde nas extraescolares do Concello de Tomiño  

 Neste curso o Goberno municipal investirá máis de 35.000 euros nas actividades, dúas de nova oferta  


O Concello de Tomiño investirá máis de 35.000 euros nas seis actividades extraescolares organizadas para este curso 2023-2024
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño 

 O Concello de Tomiño investirá máis de 35.000 euros nas seis actividades extraescolares organizadas para este curso 2023-2024, nas que xa están a participar máis de 220 nenos e nenas de todos os niveis educativos e de todos os centros do municipio. As familias, a través das ANPA, puideron seleccionar de entre 12 actividades ofertadas aquelas ás que máis lles interesaba á rapazada.  

 Entre as extraescolares seleccionadas para este curso atópanse dúas de nova oferta: ‘Xogando a ser artistas’, onde os máis cativos e cativos poden iniciarse no deseño e na creación artística, e ‘Robótica con LEGO’, unha innovadora actividade de iniciación á programación e á robótica. Por outra banda, o alumnado pode volver a participar este curso en ‘Multideporte’, ‘Lingua de signos’, ‘Cociña’ e ‘Inglés’, esta última actividade financiada conxuntamente coa ANPA do IES Antón Alonso Ríos e que permite que o estudantado da ESO e Bacharelato reforcen as súas competencias na materia. 

 O Concello de Tomiño promove ademais outras accións destinadas ao desenvolvemento do estudantado tomiñés, como axudas para a obtención de material escolar e para o uso do comedor, nas que xa o curso anterior se investiron máis de 6.000 euros. Mediante a coordinación do SEAF, dos centros educativos e da ANPA do IES Antón Alonso Ríos máis de 30 menores puideron beneficiarse destas accións. 

 A concelleira de Educación, Cristina Martínez, destaca entre os principais obxectivos desta iniciativa “o desenvolvemento social da rapazada e unha oferta de lecer e formación de calidade e en igualdade de oportunidades para todos os alumnos e alumnas de Tomiño”. Adicionalmente, estas accións supoñen un alivio económico para as familias ante o desembolso necesario para afrontar os gastos do inicio do curso escolar.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario