17 de nov. de 2023

GALICIA

Os Bolechas sortean un telescopio, unha bicicleta e unha cámara estas festas de Nadal  

 A familia dos Bolechas celebra estas datas festivas por todo o alto cun gran sorteo de tres premios no que os participantes deberán explicar que significa para eles o Nadal  




Rebeca Santomé / Santiago de Compostela

 Non só Papá Noel e os Reis Magos reparten regalos aos cativos este Nadal. A familia dos Bolechas tampouco quere perderse esta data tan sinalada sen preparar algo moi especial para os seus amigos e amigas. Baixo o lema ‘Nadal galego cos Bolechas”, estes aventureiros organizan un sorteo nas súas redes sociais con premios incribles para levar a ilusión do Nadal a todos fogares.  




 Unha bicicleta, un telescopio e unha cámara de fotos instantánea son os tres agasallos do sorteo no que os participantes deberán responder á pregunta: “Que significa o Nadal para ti?”. O obxectivo desta proposta, como todas as que levan a cabo os Bolechas, é fomentar a curiosidade nestas datas de Nadal, compartindo unhas horas de ilusión coa cativada cos seus agasallos. Sempre hai un importante compoñente pedagóxico, tanto na linguaxe como nos conceptos e valores universais que se transmiten neste sorteo de Nadal.  

 Con esta campaña de Nadal, Os Bolechas pretenden amenizar as festas a través dun divertido sorteo no que os nenos e nenas poderán interactuar nas redes sociais da familia. Sopas de letras, encrucillados, sobres de renos, labirintos, crebanoces e incluso receitas de pastel de castañas son algunhas das actividades relacionadas co Nadal que estarán dispoñibles para descargar na páxina osbolechaspromocions.com. Na mesma web, os cativos tamén poderán aprender a letra da panxoliña dos Bolechas e descargar a carta aos Reis Magos para ir preparando os seus agasallos de Nadal.   

Como consigo un destes premios?  

 Os que desexen participar deberán entrar na páxina web www.osbolechaspromocions.com e encher o formulario para contarnos algún dato ou curiosidade sobre as súas actividades favoritas para pasar o tempo durante o Nadal.   

 Con só participar, entrarase automaticamente no sorteo que estará dispoñible ata o vindeiro 8 de xaneiro, ás 19.00h. O día 10 de xaneiro publicarase a listaxe final cos gañadores dalgún destes incribles premios nas redes sociais. A familia dos Bolechas porase en contacto cos gañadores a través do enderezo electrónico para que reciban estes agasallos. Para máis información, poden seguir as redes sociais dos Bolechas de X, Facebook e Instagram.    

Os Bolechas visitan unha galería de arte 

 Ademais do gran sorteo, a familia dos Bolechas ten preparadas varias iniciativas coas que entreter á cativada durante estes meses de Nadal. A súa nova obra de teatro “Os Bolechas en Familia visitan unha galería de arte” está en activo polas salas de toda Galicia, este fin de semana estarán en Bueu, no Centro Social do Mar, e as próximas paradas son Monterrei, A Rúa, Cospeito, Ribadavia, Narón e Muros.   

 Neste teatro de monicreques, os irmáns visitan unha galería na que coñecen a un pintoresco personaxe que realiza unha poxa de cadros, entre os que destacan algúns de artistas moi coñecidos: Castelao, Lugrís, Piccasso e algún petróglifo. Os Bolechas non acaban de entender os seus cadros abstractos e surrealistas e prefiren pintar outro tipo de arte, con cadros máis figurativos e realistas. Despois de darlle moitas voltas, e coa axuda do público, deciden debuxar os seus antepasados e invitan aos cativos a recrear outras obras. Máis información en https://www.osbolechas.gal/

Os Bolechas falan das familias 

 “Os Bolechas falan das familias” é a nova campaña en colaboración coa Asociación de Familias Monomarentais de Galicia (FAGAMOS) que chegará a 22 escolas de toda a comunidade para reforzar o concepto de diversidade familiar a partir do enfoque nas familias monoparentais, contribuíndo a normalizar a percepción destas familias coma un modelo máis dentro dos tipos de familias que existen. Poden consultar toda a información na nosa páxina web https://osbolechasfalandasfamilias.com/

Os Bolechas para aprender e divertirse  

 Desde que comezaron a publicarse no ano 2000 Os Bolechas convertéronse nun auténtico fenómeno. Con máis de 650 títulos publicados e máis de 2.000.000 exemplares distribuídos, teñen unha verdadeira lexión de seguidores entre os máis pequenos, que seguen con paixón as súas aventuras, ben sexa a través dos seus libros, da televisión, nas propostas escénicas ou nas saídas á rúa.  

 Este seguimento masivo e continuo durante máis de 22 anos permitiu a toda unha xeración de galegas e galegos achegarse á cultura e á literatura en lingua galega desde os primeiros anos de vida –posto que os Bolechas usan sempre o galego na súa versión orixinal–, o que supuxo un importante papel na promoción e difusión do idioma. Tanto é así que moitos nenos teñen na casa –e sobre todo no colexio– o seu primeiro e máis intenso contacto co galego a través das súas aventuras, todas elas cun destacado contido didáctico e pedagóxico, que contribúe á formación dos escolares de educación infantil e de primaria de Galicia mediante o pracer e o divertimento.       

Ningún comentario:

Publicar un comentario