6 de out. de 2023

DEPORTES

BALONMÁN

DHF

O Mecalia Atlético Guardés busca manter o seu invicto en casa ante o Granollers 

 O Pavillón Municipal da Sangriña acollerá este sábado día 7 de outubro, ás 20:00 horas, o partido correspondente á sexta xornada da liga Guerreiras Iberdrola 

• Duelo directo en metade da táboa, Granollers e Mecalia Atlético Guardés ocupan a sexta e sétima praza respectivamente 

 Cristina Cabeza: “Vai ser un partido de moito ritmo, temos que estar intensas os 60 minutos”

 

Miriam Sempere cos brazos en alto, saúdando aos seareiros do Mecalia Atlético Guardés
Foto: M.A.G.

Redacción / Deportes

 O Mecalia Atlético Guardés e o KH-7 BM Granollers enfrontaranse este sábado, día 7 de outubro, ás 20:00 horas, no Pavillón Municipal da Sangriña. Ambos os dous equipos chegan á sexta xornada ligueira en metade da táboa, convertendo o choque nun duelo directo que pode marcar as aspiracións de ambos os dous conxuntos. O cadro visitante atópase sexto na clasificación, dous puntos por encima dun Mecalia Atlético Guardés que está na sétima posición.  

 As xogadoras pilotadas por Cristina Cabeza chegan ao partido tras unha derrota a domicilio fronte ao líder da competición, o Caixa Rural Aula Valladolid. A pesar das boas sensacións, o Mecalia Atlético Guardés non conseguiu facerse coa vitoria en Huerta del Rey. O cadro do Baixo Miño segue sen coñecer a vitoria a domicilio, pero tratará de manter o invicto como local e lograr a súa terceira vitoria en casa. A adestradora madriñela poderá contar todo o persoal, fóra de Júlia Nuez, que continuará recuperándose da súa lesión ata final de ano.  

 Pola súa banda, o Granollers visita A Guarda tras sumar dous puntos no seu último choque fronte ao Elda Prestigio. Da mesma forma que o Mecalia Atlético Guardé, o conxunto catalán tampouco puntuou como visitante no que vai de liga, pero mantense invicto no seu feudo.  

Cristina Cabeza: “Vai ser un partido de moito ritmo, temos que estar intensas os 60 minutos” 

 A xuízo da adestradora Cristina Cabeza, o equipo competiu ben contra o líder da competición. “Creo que ante o Valladolid fixemos un bo encontro, a miña [tarxeta] vermella condicionou bastante a segunda parte, pero ata o final mantivémonos dentro do partido”, sinala a técnica madrileña. Con todo, afirma que “se cometeron moitos erros, tivemos unhas 62 posesións e soamente fixemos 29 goles”. Como balance do último encontro, engade que “o equipo se mostra cada vez máis sólido e vai crecendo en conxunto”.  

 En palabras de Cabeza “no partido ante o Granollers é moi importante non perder a concentración, é un equipo con cousas moi parecidas ao noso e estatisticamente estamos á vez en case todo”. Así mesmo, sostén que “o Granollers reforzouse bastante ben e vén de facer un bo papel fronte ao Elda”, e opina que “vai ser un partido de moito ritmo no que temos que estar intensas os 60 minutos”. A madrileña conclúe que “hai que tentar seguir sendo fortes na Sangriña e ter así tranquilidade para a seguinte semana”.  

AXENDA  

Liga Guerreiras Iberdrola 

Xornada 6

Mecalia Atlético Guardés – KH-7 BM Granollers  

Sábado, 7 de outubro, ás 20:00 horas, no Pavillón Municipal A Sangriña 

En directo, pola canle de YouTube do Club. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario