23 de xuño de 2023

O ROSAL

A contorna da igrexa das Eiras convértese nun espazo máis accesible   

O Concello vén de rematar as obras de recuperación desta zona de elevado valor natural e patrimonial, dando prioridade ás persoas e creando espazos de estancia e convivencia  


A alcaldesa do Rosal e unha tecnica municipal, supervisando in situ as obras realizadas na contorna da igrexa de san Bartolomeu, nas Eiras

Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal 

 O Concello do Rosal vén de rematar as obras de transformación e mellora da accesibilidade da contorna da igrexa de san Bartolomeu, nas Eiras, uns traballos enmarcados no proxecto de recuperación da zona de elevado valor natural e patrimonial que vai dende a Ribeira ata a Madalena con actuacións que resolven problemáticas concretas, recuperando o patrimonio cultural e mellorando os accesos, camiños e sendas.  

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, enfatizou a importancia de continuar mellorando espazos, recuperándoos para as persoas, dando prioridade á accesibilidade e promovendo lugares propicios para a convivencia, a estancia e o lecer. “Queremos que O Rosal sexa un municipio acolledor, no que a veciñanza poida atoparse, compartir experiencias e desfrutar da contorna”, resaltou.  

 A mellora da accesibilidade da igrexa e da súa contorna deteriorada é o primeiro paso dun proxecto de transformación que incluíu as ideas e suxestións achegadas pola veciñanza. Nas obras empregáronse materiais de km 0, especies vexetais autóctonas sen regos e pavimentos permeables e semipermeables que melloran a relación entre o medio e as persoas, con formas e cores inspiradas na paisaxe, mellorando a accesibilidade e difuminándose entre o patrimonio existente.  

 Durante os dous meses que duraron os traballos de transformación integral, na área intramuros achegouse a cota ata a entrada da igrexa cun amplo camiño que garante a accesibilidade e que supuxo unha gran mellora de toda a contorna, facéndoa máis amable e repoñendo os elementos que se atopaban en condicións deficientes. Melloráronse ademais as escaleiras e instaláronse bancos corridos que permiten xerar espazos de convivencia nas inmediacións da igrexa. 

 As intervencións realizadas mimetízanse coa contorna, xa que durante os traballos se empregaron materiais e vexetación propios desta zona en diálogo coa rocha existente, potenciando a súa presenza e mellorando a accesibilidade con espazos de reunión arredor da igrexa e cun camiño completamente accesible paralelo á fachada. En canto á vexetación, creouse un efecto verde perenne que compón a perfecta antesala á subida á Ermida da Madalena, cunhas sobreiras catalogadas como árbores senlleiras.  

 “Os traballos realizados na contorna da igrexa de san Bartolomeu son un exemplo máis de que cada paso que damos para a transformación integral dos nosos espazos busca dar prioridade ás persoas, xerando lugares de calidade máis seguros, con mobiliario urbano que xere pequenas zonas de estancia e de lecer”, destacou a rexedora. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario