21 de xuño de 2023

O PORRIÑO

Convocan paros e mobilizacións no Centro Tecnolóxico AIMEN do Porriño para rexeitar a conxelación de soldos 

As medidas de presión terán lugar este xoves 22 de 11:00 a 12:00 horas 


Infogauda / O Porriño

 A asemblea de traballadores/as do Centro Tecnolóxico AIMEN do Porriño acordou convocar para este xoves 22 un paro dunha hora e unha concentración diante das instalacións situadas na rúa Relva 27 A de Torneiros entre as 11:00 e as 12:00 horas para rexeitar a conxelación salarial anunciada pola dirección desta asociación empresarial privada sen ánimo de lucro.  

 Dende o comité de empresa (6 representantes da CIG e 2 independentes) explican que lle propuxeron ao cadro de persoal comezar coas protestas tras constatar que AIMEN non está disposto a actualizar os soldos. “Levamos dende xaneiro negociando un acordo de empresa e chegamos a pactos sobre os horarios e na forma en que se aplica o plus de transporte, pero á hora de establecer o incremento salarial néganse argumentando que están en perdas e que o fan para garantir a viabilidade da compañía”, explican dende a CIG en AIMEN.   

 Neste senso, consideran que a viabilidade da empresa non pode depender unicamente dos soldos dos traballadores/as, ao tempo que lembran que AIMEN prevé aumentar este ano a súa facturación nuns dous millóns de euros, pasando dos máis de 17 do ano pasado aos cerca de 20 do actual. De feito, o propio presidente da empresa aseguraba recentemente que a carga de traballo, con importante proxectos internacionais en carteira, non deixaba de medrar nos últimos tempos.  

 A única proposta achegada pola dirección contempla unha prima de pago para o ano que vén condicionada aos resultados económicos, algo que rexeitan dende a parte social lembrando que o ano pasado xa se produciu unha suba de soldos desigual entre os 290 traballadores/as. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario