22 de xuño de 2023

VIGO

O persoal da depuradora de Vigo inicia un calendario de protestas en demanda dun convenio con salarios xustos 

O martes desenvolveu unha concentración diante da instalación, que se repetirá este xoves; mentres que o martes 27 haberá manifestación 

Infogauda / Vigo

 O persoal de Trainasa, concesionaria da xestión da Estación Depuradora de Augas Residuais de Vigo (EDAR Lagares), iniciou o martes día 20 de xuño un calendario de mobilizacións en demanda dun convenio colectivo con salarios xustos, xa que na última xuntanza a empresa reduciu a súa oferta anterior. Para este xoves 22 teñen convocada unha nova concentración, mentres que o martes 27 percorrerán en manifestación a distancia entre a instalación e a rotonda de entrada da VG20 ás 12:00 horas.  

 Segundo explican dende a representación sindical, integrada por tres delegados/as de persoal da CIG, optouse por convocar protestas unha vez que un responsábel da empresa chegado de Madrid propuxo unha suba de soldos do 4,5% para 2023, do 3% para 2024, do 2,5% para 2025 e do 2,6% para 2026, “cando tras as tres reunións anteriores xa estabamos no 5,5%”. Ademais, esta proposta non inclúe cláusula de revisión salarial nin atrasos, senón unha cota fixa de 350 euros para cada un dos 49 traballadores/as da empresa unicamente en 2023.  

 Neste senso, denuncian que pese a pertencer a FCC-Aqualia “semella que somos os grandes esquecidos/as, xa que temos os peores salarios do grupo”. E lamentan que a empresa ademais de reducir a proposta estea a dilatar tamén as negociacións, até o punto de que adiou ao 5 de xullo a xuntanza prevista para o pasado 8 de xuño. Por iso adiantan que se despois dese encontro non se chega a un acordo barallarán a convocatoria de paros e de mobilizacións diante do Concello de Vigo.  

 Pero antes terá lugar unha nova concentración por quendas de traballo diante da EDAR Lagares, prevista para este xoves 22, no mesmo horario que a celebrada o martes (de 13:00 a 16:00 horas) para forzar a empresa a negociar un convenio de centro de traballo que contemple uns incrementos salariais xustos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario