17 de maio de 2023

VIGO

Desconvocada a folga na cociña dos hospitais de Vigo tras un acordo que garante o emprego e a reposición de maquinaria 

A concesionaria do Álvaro Cunqueiro incorporará a subrogación e a mellora do material ao prego de condicións do concurso

  

As traballadoras/es do servizo de cociña dos hospitais de Vigo decidiron onte en asemblea por unanimidade desconvocar a folga indefinida

Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 As traballadoras/es do servizo de cociña dos hospitais de Vigo decidiron onte en asemblea por unanimidade desconvocar a folga indefinida prevista para este xoves tras asinar un acordo coa empresa que garante todo o emprego e a reposición de maquinaria. A concesionaria do Álvaro Cunqueiro incorporará a subrogación do persoal e a mellora do material no prego de condicións do concurso, e comité de empresa encargarase de fiscalizar o cumprimento destes compromisos. 

 A desconvocatoria de folga foi posíbel tras unha reunión entre o comité, a empresa Arcasa, que xestiona a cociña, e a propia concesionaria do hospital Álvaro Cunqueiro. Dende a CIG-Servizos salientan que se trata da primeira ocasión na que se produce unha xuntanza a tres bandas, encontro que seguramente se produciu tras a presión exercida polas empregadas/os con varias mobilizacións ao longo destes días e ao existir unha convocatoria de folga enriba da mesa. 

 O acordo entre as partes contempla que todo o persoal que se atopa de alta na cociña terá que ser asumido pola nova empresa que se faga cargo do servizo a partir do 9 de setembro, data na que remata a actual concesión. Para garantilo, a concesionaria do Álvaro Cunqueiro incorporará esta cuestión no prego de condicións do concurso, compromiso cuxo cumprimento poderá ser fiscalizado pola representación sindical. 

 Ao mesmo tempo, a concesionaria elaborará coa nova empresa un plan de reposición da maquinaria que se atopa en deteriorada, unha reivindicación que o cadro de persoal leva tempo trasladando e que provoca numerosas queixas das persoas usuarias polo mal aspecto dos alimentos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario