Hoxe, nun mitin na Guarda xunto ao presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López
Alfonso Rueda apunta a Roberto José Álvarez Carrero como a alternativa a anos de inmobilismo, e reivindica ao PP como opción de cambio, estabilidade, sentidiño e maioría para A Guarda
Roberto José Álvarez Carrero: “O 28 de maio os veciños teñen a oportunidade de elixir entre o cambio ou seguir como estamos, que é o que ofrecen indistintamente PSOE e BNG”
Infogauda / A Guarda
O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda Valenzuela reivindicou “a Roberto José Álvarez Carrero e ao seu equipo como a alternativa a anos de inmobilismo e a opción do cambio, da estabilidade, do sentidiño e da maioría para os veciños da Guarda”.
Rueda sinalou que “a candidatura do PP da Guarda non se presenta para repartirse áreas de goberno, senón para asumilas todas e poñelas a andar desde o primeiro minuto a partir do 28 de maio”.
Recordando que “xa nas últimas eleccións o PP foi a lista máis votada neste concello”, Rueda sinalou “entre as opcións para volver confiar na formación o feito de que Carrero ten preparación, iniciativa, ganas de axudar e, por enriba de todo, ofrece solucións e non problemas”.
Afirmou que “é momento de que o candidato popular asuma a alcaldía porque A Guarda necesita dun goberno de maioría, estable e preocupado polos cidadáns e non pola calculadora nin polas súas liortas internas”.
O líder dos populares galegos fixo un chamamento aos seus “a non perder o tempo no que non corresponde, como ocorre cun PSdeG que cada día ten un criterio diferente, cun BNG que busca continuamente afastar Galicia do resto de España e cunha serie de correntes que crean un partido novo cun nome diferente cada media hora”.
Rueda asegurou “non estar de acordo con esa división que os partidos de esquerda pretenden trasladar tamén á sociedade e neste sentido reivindicou que os gobernos unidos son os que mellor funcionan e que é moito máis o que une aos galegos que todo aquilo que algúns buscan para separalos.
Cómpre destacar que entre as actuacións que demostran que o Goberno galego estivo sempre xunto aos guardeses están a nova escola infantil, as melloras no colexio e no instituto, a activación do Xacobeo Transfer para o transporte de persoas, os avances na autovía A Guarda-Tui ou os investimentos no porto e na promoción turística do Camiño Portugués”.
ROBERTO JOSÉ ÁLVAREZ CARRERO: “O 28-M OS VECIÑOS TEÑEN QUE ELEXIR ENTRE O CAMBIO OU SEGUIR COMO ESTAMOS”
O candidato á alcaldía reivindicou ao PP como a única alternativa seria, real e eficiente para garantir un novo rumbo na Guarda: “O 28 de maio os veciños teñen a oportunidade de elixir entre o cambio ou seguir como estamos, que é o que ofrecen indistintamente PSOE e BNG”.
Nesta liña, recordou que “votar BNG é votar PSOE e viceversa, porque o único que queren é que o PP non chegue á maioría absoluta para pactar entre eles”.
Carrero criticou que o socialista Antonio Lomba estivo durante os últimos catro anos “preocupado en exclusiva polas fotos e polas redes sociais”, mentres que o nacionalista Anxo Lois Baz “protestou sen sentido e con covardía porque, ao final, o BNG apoiou ao PSOE en todo”.
Entre as súas propostas destacou “a creación dun auditorio multiusos con diversas salas para cubrir as necesidades de espazos culturais da Guarda, así como un plan de recuperación patrimonial ou un centro integral de saúde”.
Así mesmo, promete “a construción dun complexo deportivo multidisciplinar que conte cun novo pavillón, pistas de tenis, campos de fútbol sala, pista de baloncesto, pista de carreiras e muro de escalada”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario