A Guarda festexou o Día das Letras Galegas con lembranzas a Francisco Fernández del Riego, baile e música
• As asociacións e grupos folclóricos de A Guarda uníronse no auditorio de san Bieito para lembrar a figura do insigne intelectual e activista cultural
Infogauda / A Guarda
Na tarde de onte, mércores día 17 de maio, o auditorio de san Bieito acolleu o tradicional festival de música e baile, no que as diferentes asociacións de A Guarda renderon tributo ao autor homenaxeado este ano nas Letras Galegas, Francisco Jesús Benito Antonio Fernández del Riego (Francisco F. del Riego).
Este ano, e ante centenares de persoas, o acto contou coa presenza de membros da Agrupación Cultural Guardesa, cuxa presidenta, Julia Sobrino González abríu o acto lembrando a figura de Francisco Fernández del Riego a través dunha reseña sobre a súa vida adicada a difusión das nosas letras e a nosa lingua.
Momentos despois tamén interviu a pintora e poeta María Asunción Vázquez Vicente (Chuny), que deu lectura a un fragmento dunha obra sobre a pedra e a auga, da autoría de Francisco Fernández del Riego.
A continuación interviron os diferentes grupos de música e baile tradicional como o Grupo de gaitas da Terceira Idade, o Grupo de Baile Xamaraina, Grupo de Pandereteiras Vento Mareiro, Grupo de Gaitas A Boalleira, Trebón dos Xidos e os grupos de baile Na ribeira do Miño (CEIP A Sangriña), Anduriñas (CEIP As Solanas) e Churumbela. Todos eles tiveron tamén ocasión de lembrar a memoria do autor homenaxeado a través de lecturas de fragmentos das súas obras.
Nunha xornada de climatoloxía excepcional e propia dos meses de verán, A Guarda lembrou a figura do homenaxeado nesta edición 2023, contando cun total de 6 asociacións participantes e 9 grupos de baile e música.
Logo dunha breve intervención verbal, na que puxo en valor a participación do público nese acto, a concelleira de Cultura, Mª Montserrat Magallanes Álvarez agradeceu publicamente a participación e colaboración desinteresada das diferentes asociacións que no día de onte renderon homenaxe a Francisco Fernández del Riego, no Día das Letras Galegas. A continuación ela e o alcalde, Antonio Lomba Baz fixeron entrega duns agasallos que representan a fachada mariñeira de A Guarda.
O broche de ouro deste 17 de Maio, púxoo á interpretación do Himno Galego, que foi coreado por moitas das persoas que enchían ás bancadas do auditorio e demais espazos próximos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario