10 de out. de 2022

OIA

O GRUPO PARLAMENTARIO SOCIALISTA URXE Á XUNTA A CONSTRUÍR UNHA ESTACIÓN DEPURADORA NO CONCELLO DE OIA  

Leticia Gallego lamenta que o goberno galego non faga “absolutamente nada” para resolver un problema de primeira orde nun Concello atendido por instalacións de tratamento primario que “non serve de nada”  


A parlamentaria socialista Leticia Gallego con Gerardo Rodríguez, portavoz do grupo municipal do PSdeG-PSOE no concello de A Guarda e un membro da agrupación socialista


Infogauda / Oia

 A parlamentaria socialista Leticia Gallego Sanromán visitou o concello de Oia, onde mantivo un encontro co portavoz socialista, Gerardo Rodríguez Refojos, e membros do grupo municipal socialista, para reclamarlle á Xunta de Galicia que constrúa de urxencia unha depuradora para frear os constantes vertidos rexistrados no termo municipal oiense.  

 Lamentou que o goberno galego “non faga absolutamente nada” para atender unha reivindicación histórica no Concello, atendido polas minidepuradoras instaladas en Punta Orelluda para o tratamento primario que se teñen demostrado “absolutamente insuficientes”, ademais de que levan “dez anos sen funcionar correctamente”.  

 Lembrou que os veciños e veciñas “levan máis de dez anos soportando malos cheiros, ruído e vertidos das augas residuais xunto ás casas” e “están fartos dunha situación insoportable que está a levar por diante os espazos naturais da costa”.  

 Leticia Gallego levará ao Parlamento as queixas dos veciños e veciñas de Oia, que afirman que “as filtracións e vertidos de augas fecais son constantes e van directamente ao mar porque o sistema de depuración non funciona, ou ben a través das arquetas situadas xunto á estrada PO-552, onde se observan os residuos orgánicos fedorentos tan pronto como se levanta a tapa”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario