A Guarda vai celebrar o Día Mundial do Ioga
Nos xardíns do Centro Cultural, o domingo 19 de xuño, ás 10.30 h. da mañá
Infogauda / A Guarda
Un ano máis o Concello de A Guarda únese ás celebracións do Día Internacional do Ioga, programando unha actividade que terá lugar nos xardíns do Centro Cultural, o domingo día 19 de xuño, ás 10.30 h. da mañá. Será nese lugar onde o Centro Awen Yoga, en colaboración co concello, ofrecerá una sesión de ioga ao aire libre.
O obxectivo desta actividade é celebrar este día e invitar a todas as persoas a achegarse ao mundo do ioga e que coñezan os seus beneficios.
Esta actividade vai a estar dirixida polos profesionais do Centro Awen: Elvira, Pablo, Iria e Carmiña (profesora de ioga para nenas/os e adolescentes).
A primeira parte estará dirixida aos máis pequenos para continuar cunha sesión de ioga para adultos, unha relaxación e algunha sorpresa máis.
Se podes respirar, podes practicar ioga.
Anímate a coñecelo aínda que nunca o practicases.
Prazas limitadas. Actividade gratuíta.
Recoméndase aos participantes traer una esteira ou toalla, un cinto ou fular, roupa cómoda e unha manta ou coxín.
Teléfonos de contacto para pedir máis información:
• Awen Yoga: 676 620 247 (Elvira) / centroawenyoga@gmail.com
• Concello: 986 610 000 (extensión 7)
Ioga: unha disciplina milenaria
O ioga é unha técnica milenaria, cuxa orixe situáse na India. En sánscrito - antiga lingua indoeuropea dos brahmanas (membros da primeira das castas sociais en que se divide a sociedade hindú) - ioga significa unión entre corpo, mente e espírito.
O Día Internacional do Ioga recoñece tanto a orixe do ioga como a súa práctica. A iniciativa de celebrar este día a nivel internacional foi presentada ante as Nacións Unidas polo Primeiro Ministro da India, Narendra Modi, en setembro de 2014, afirmando: «O ioga é unha inestimable contribución da antiga tradición da India. Encarna a unidade da mente e o corpo, o pensamento e a acción, a moderación e a satisfacción plena, a harmonía entre o home e a natureza, e un enfoque holístico da saúde e o benestar».
Trala súa proposta, a ONU aprobou a resolución, cuxa iniciativa foi apoiada por 175 países, o máis elevado número de países solidarios na historia da organización.
Ningún comentario:
Publicar un comentario