9 de mar. de 2022

A GUARDA

O BNG GARANTE A REFORMA DA BIBLIOTECA, A COMPRA DUN CAMIÓN DO LIXO E A REFORMA INTEGRAL DO PAVILLÓN DA SANGRIÑA 

Anxo Lois Baz Vicente: “O BNG sempre está en disposición de  tirar por aqueles proxectos que benefician ao pobo da Guarda”  


Anxo Lois Baz Vicente, portavoz municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG), no Concello de A Guarda

Infogauda / A Guarda

 “O BNG apoiará a modificación de crédito que vai permitir que o Concello da Guarda poida abordar a compra dun novo camión do lixo por un valor de 99.525€ así como o acondicionamento da sala da planta baixa do Centro Cultural para Biblioteca por un valor de 85.000€ ou dispoñer de 1.260.000€ para a reforma integral do Pavillón da SangriñaAsí o vén de avanzar Anxo Lois Baz Vicente, portavoz municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG), no Concello de A Guarda, de cara ao pleno extraordinario do vindeiro venres día 11 de marzo de 2022.

 Os nacionalistas agardan que “do crédito do que vai dispoñer o Concello para poder facer frente a reforma integral do Pavillón da Sangriña só se gaste o 50% e que o 50% restante o financie a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galiza como están facendo noutros concellos do país”.  

 O portavoz municipal do BNG declarou: “Os 5 votos do BNG van garantir que esta modificación de crédito saia adiante. Consideramos que a Biblioteca hai moito tempo que precisa unha reforma, o camión do lixo é urxente renovalo e a reforma integral do Pavillón da Sangriña é un proxecto de calado para o futuro do deporte guardés”.   

 Baz rematou concluíndo: “O BNG sempre está en disposición de tirar por aqueles proxectos que benefician ao pobo da Guarda”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario