9 de xul. de 2021

TURISMO

Miranda recibe a Michelle Miron, do histórico centro español “La Nacional” de Nova York, ao remate do Camiño Portugués pola Costa que realizou na honra do seu avó galego  

· O secretario xeral da Emigración agradeceu a representante deste histórico centro español con gran presencia de galegos, o seu interese por celebrar o Xacobeo, regresando así a Galicia tras 16 meses sen poder viaxar

· Miron recordou que o Camiño forma parte da identidade de tódolos galegos, e que cumpría así a promesa realizada ao seu avó con quen acordou realizar a viaxe “que nunca puidemos facer porque faleceu xusto o ano pasado”


Michelle Miron, representante do histórico centro español “La Nacional” conversa co Secretario Xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, que recibiuna na praza do Obradoiro

Foto: X.G.

Infogauda / Santiago de Compostela

 O Secretario Xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu na praza do Obradoiro a Michelle Miron, representante do histórico centro español “La Nacional”, que conta con gran número de representantes galegos, ao remate da súa viaxe polo Camiño Portugués pola Costa a Santiago, realizado en honor do seu avó, quen faleceu o ano pasado.

 Esta galega, xa nada en Estados Unidos, é unha das primeiras peregrinas de este país que completa o Camiño, e tal e como lle trasladou o secretario xeral, “para nós é precisamente un orgullo que esto sexa así, xa que ninguén como un galego do exterior para valorar o que o Xacobeo significa para a nosa identidade como pobo”.

 Michelle Miron explicou que as súas raíces atopábanse en Lorbé, Oleiros, e que o seu avó, “que era moi aventureiro”, sempre estaba a falar de percorrer con ela o Camiño de Santiago. “Lamentablemente faleceu o ano pasado, e decidín que, en canto puidera coller un avión, iría a facer o Camiño. Así que, 16 meses despois de que a pandemia nos impedira viaxar, collín un voo a Lisboa e percorrín 220 quilómetros entre Porto e Santiago para cumprir a promesa que lle fixen ao meu avó”.

 Rodríguez Miranda animou a Miron a invitar a cantos coñece a realizar a mesma aventura e a coñecer os diferentes camiños de Santiago, “que lles aportará unha explosións de sensacións físicas e de sentimentos, e que hai que facer, a lo menos, unha vez na vida”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario